|
|
|
SANTA MARÍA DE ACIVEIRO:
É unha das freguesías máis ricas e relevantes en manifestacións
artísticas e arqueolóxicas, comezando polas mámoas existentes na
serra do Candán (Porto Fieiro, Olleiros, Porto Tixoa, a Lagoa e Campo
da Serra) e berce da máis representativa do noso concello, o mosteiro
de Santa María a Real de Aciveiro, xoia do románico serodio, centro da
vida agrícola, comercial e artesanal durante os anos que van desde a súa
fundación, en 1135, ata a desamortización de 1835. De planta
cadrangular, coas diversas instancias, como era norma nos conventos
cistercienses, en torno a un patio ou claustro interior, posúe un
templo de tres naves, coa central de cinco metros e medio de ancho,
dividida en dous corpos: o primeiro formado por arcadas de cinco vans e
rematado en sinxela imposta de onde arranca o falso triforio (singularidade
nada frecuente nas igrexas da tipoloxía cisterciense galaica, só
compartida con Santa Mariña de Augasantas e Santa María de Xunqueira
de Ambía, as dúas do Románico ourensán). Unha doble arcada de tres
metros de alto constitúe o segundo corpo. As naves laterais miden dous
metros de ancho e albergan senllas capelas dedicadas a San Bernardo e
San Bieito. Todo o conxunto está coroado por teitume de madeira, e nos
laterais pódense ollar dous sepulcros labrados que posiblemente sexan
de don Pedro Martínez, da casa de Sotomayor e do propio San Gonzalo das
Penas. O retablo atribúese ó escultor Miguel de Romay. Os dous
elementos máis interesantes da igrexa son a porta románica que queda
na parede norte, e a triple ábsida, verdadeira obra mestra que presenta
o típico taqueado xaqués nos arcos e xadrezado nas cornixas, e serve
de asento a unha inscrición de carácter memorial, ademais de conter
outros detalles de tipo ornamental que amosan claramente o dominio das técnicas
de labra, que se atopa tamén presente na factura e diversidade de
capiteis en todo o cenobio.
Outras mostras artísticas e artesanais dignas de admirar son os
numerosos hórreos anexos ás vellas casas de labranza, destacando o que
pertencía ó canteiro Manuel López Barciela, no lugar do Cotiño,
rematado en capeliña gótica, así como os cruceiros, entre os que
sobrancea o propio do campo do mosteiro, realizado por Xosé Ferreiro no
ano 1893. Este mesmo canteiro sería o que se encargase tamén de levar
a cabo o cruceiro da Praza da Igrexa de Forcarei.
Na cima do Candán quedan os vestixios dunha ermida dedicada a
San Bieito, edificada polos frades que viñeron tamén erguer o mosteiro a
comezos do século XII, posiblemente sobre os restos
dunha antiga ara pagana consagrada a Iovi Candamio, unha das advocacións
do deus Xúpiter.
|
|

Falso
triforio do Mosteiro

Fonte
no patio do mosteiro (século XIX)
Exterior
cenobial e cruceiro
Alvariza
en Rochela
|