|
|
|
|
SANTA MARIÑA DE CASTRELO:
No eido arqueolóxico esta freguesía é a máis representativa
do concello, xa que nela abundan os túmulos megalíticos. Só no coñecido
como Campo das Antas, nas inmediacións do lugar de A Mámoa, atópanse
máis de vinte enterramentos, localizados ós lados dun antigo camiño,
o Vreeiro, utilizado polos arrieiros para transportar o viño do Ribeiro a
Compostela. Tamén teñen presencia en Tras da Serra e A Mina.
Do século XV consérvase, en bo estado, a lanzal torre de Alarma
de Barciela, situada no igrexario da Mota. Posúe esta obra tres corpos,
o primeiro cadrangular e con fórnice; o segundo formado pola plataforma
para emitir os sinais luminosose e albergar os ocos das campás, e o
terceiro cun pequeno frontis enmarcado por unha cornixa de lousa e
rematada antigamente nun pináculo que hoxe xa non conserva. A función que
cumpría esta torre, que pertenceu á Torre-fortaleza do Castro de
Montes, era a de convocar ós veciños, antes da construcción do templo
parroquial, ós actos de culto e ás xuntas xerais de Montes, que se
reunían a deliberar no Campo da Granxa, ou tamén, con posterioridade,
alertar á poboación das incursións das bandas facciosas que, como a
do célebre Guillade, asolaban a rexión durante as Guerras Carlistas.
O templo parroquial data do século XVI, cunha posterior
restauración no ano 1752, efectuada polo canteiro Manuel Cadavid e o
carpinteiro Salvador Lorenzo, ambos nativos da propia parroquia. É unha
igrexa regular nas proporcións, de cruz latina e presbiterio
rectangular, con dúas capelas que abren senllos arcos formeiros,
historiados e de medio punto, rematando a fachada en esvelta espadana de
dous corpos. No cemiterio anexo pódense ollar obras talladas por un dos
mellores canteiros da Terra de Montes, Manuel López Barciela, así como
sartegos de prodixiosa factura doutro bo artesán, Francisco Villaverde.
|
|

Vestixios
do antigo camiño "Vreeiro"

Torre
de Barciela (s.XV)

Túmulo
megalítico no "Campo das Antas"
|