|

Fonte
de pedra en Valiñas

Cartel
da Festa do Gaiteiro do ano 1986

Portada
do libro sobre o mosteiro de A.Rodríguez Fraiz

"Arginas"
(canteiros) traballando, de Xesús Muras
|
|
Quizais non haxa outra maneira tan sinxela de definir a esta
terra, na que sempre conviviron, conxunta e inseparablemente, o amor
pola pedra labrada, a vida relixiosa xurdida do mosteiro de Aciveiro e
as tradicionais romarías, animadas polos máis avezados gaiteiros.
O amor pola pedra labrada queda ben claro na prolixidade á hora de
agromar mestres canteiros da talla de Pedro de Arén ou Manuel Cadavid,
e tamén queda patente na forte e serea fermosura da pedra das pontes,
dos cruceiros, das igrexas e do propio mosteiro, centro de vida
relixiosa que chegou a ter unha Escola de Teoloxía Moral, fundada no século
XV por San Gonzalo das Penas, abade que combinou o seu labor espiritual
coa iniciativa de obras en pedra como a Ponte románica de Andón ou a
antiga Ponte do Crego en Dúas Igrexas.
Nunca faltaron tampouco bos e renomeados gaiteiros, desde Diego de Cana,
primeiro do que temos noticia na Terra de Montes, no século XVI, a
Adelino Pichel, o Gaiteiro de Sorribas. O máis sobranceiro deles é
Avelino Cachafeiro, o maxistral músico soutelán, loubado pola pluma do
patriarca Castelao en afervoada crónica dos anos vinte. Avelino, que
conformou co seu pai e cos seus irmáns o cuarteto Gaiteiros de Soutelo,
foi ademais pintor e poeta, e o seu libro “Voando coas aas do Vento”
sería prologado por don Ramón Otero Pedrayo. Poetas da terra tamén
foron Benito Veloso Prado, autor da letra dun poema ó que poría música
o artista aciveirense Manuel Villaverde, converténdoo nun pasodobre
titulado “Viva Forcarei”, estreado no Centro Galego de Buenos Aires
no ano 1924. Veloso Prado orienta as súas composicións cara a sátira
e o sainete, e seus son os versos de Sangre Gorda e Un Morto que Fala. O
xenial bardo Amado Carballo, fundador do hilozoísmo, veu pasar os últimos
anos da súa vida a Sanguñedo e Soutelo, e alí se inspirou para compoñe-la
súa obra póstuma O Galo.
No mundo das letras tamén temos que destaca-lo labor de Antonio Rodríguez
Fraiz, que foi cronista oficial da Terra de Montes e verdadeiro arquivo
humano de historias e lendas, autor dos libros “El Monasterio de
Acibeiro”, “Canteiros e Artistas da Terra de Montes e Ribeiras do Lérez”
e “Tierra de Montes. Torre-fortaleza do Castro y Jueces-merinos”
entre outros; Xosé Manuel Rivas Troitiño, xornalista e autor da
biografía do Gaiteiro de Soutelo, e Xosé Luis Barreiro Rivas, home de
profunda formación humanística, doctor en Ciencias Políticas e autor
de concienzudas obras de reflexión social e política, así como de un
exhaustivo estudio sobre o Camiño de Santiago desde a súa perspectiva
histórica.
Voltando ó campo das artes, cómpre lembrar a Virxilio Blanco, pintor
presqueirense fundador da revista “Alborear” e recoñecido como auténtico
mestre das vangardas de principios de século. Xosé María Barreiro Gómez,
nacido en Loureiro, tamén é un dos grandes da pintura galega contemporánea,
cun estilo de liña vigorosa e virtuoso no uso da cor que conforma un
expresionismo robusto – especie de fauve galaico – . Fundou o
denominado Prismatismo, que proclama o enriquecemento do tema por medio
da descomposición das cores básicas. Os máis xoves, Muras e Gulías,
tamén teñen que dicir no actual panorama da pintura, e os dous figuran
entre o patrimonio pictórico do Concello de Forcarei, xunto con
veteranos como Mario Dapena e José Luis Mora.
En Forcarei naceu e viviu a súa infancia o director de cinema Chano
Piñeiro, autor das loubadas “Mamasunción” e “Sempre
Xonxa” – primeira longametraxe do cinema galego – , e tamén o
seu amigo e colaborador, autor das bandas sonoras de tódalas súas películas,
Pablo Barreiro.
Vencellados asimesmo ó eido da imaxe están Manuel Barreiro e Virxilio
Viéitez, fotógrafos que recolleron fidelisimamente o espírito das
xentes de Montes, o primeiro autor de fermosas estampas do Forcarei dos
anos corenta e cincuenta, e o soutelán Virxilio recoñecido nos últimos
anos como un dos máis avezados retratistas do mundo da emigración.
|
|