|

Ábsida
do Mosteiro de Aciveiro

Sartegos
con fermosas labras, en Quintillán

Cruceiro
da ermida do castro de Montes (Presqueiras)

Escudo
heráldico do Xuíz-meriño Ogando Barros, en Pardesoa

Vista
lonxana do Castro de Loureiro

Inscultura
rupestre no monte Seixo (Presqueiras)

Pía
bautismal románica en Dúas Igrexas

Antigo
Concello de Forcarei

Portada
do libro de "Siñor Afranio"
|
|
Dúas son as culturas protohistóricas que deixaron testemuños fidedignos
da súa presencia nas terras de Forcarei: por unha parte a cultura dos dólmenes
ou mámoas, e por outra a cultura castrexa. Da primeira atopamos vestixios
de xeito máis intenso nas freguesías de Castrelo (Mámoa da Carballeira
do Rei, Campo das Antas, Tras da Serra), Aciveiro (Porto Fieiro, os
Olleiros) e Dúas Igrexas (Penide), aínda que perviven manifestacións en
tódalas parroquias. A segunda presenta tamén abundantes vestixios, dos
cales os máis representativos son Castro Loureiro, en Dúas Igrexas, o
Castro das Rodeiras, en Garellas, o Castro da Mouteira, en Fixó, o Castro
de Muras, en Pereira, e o Castro de Montes, en Presqueiras, sobre o cal
erguería con posterioridade a fortaleza-residencia dos xuíces-meriños o
arcebispo Xelmírez.
Ademais da presencia destas dúas culturas, tamén está testemuñada a
presencia sueva, como demostran algúns topónimos da bisbarra, entre eles
o de Forcarei, que proviría, segundo o filólogo Isidoro Millán, dun
xenitivo de posuidor xermánico, FOLCAREDI, no que o precompoñente sería
unha voz gótica ou sueva análoga a VOLK, que significa POBO. Outra tese,
demasiado aventurada, cremos, do ourensán P. Crespo, indica tamén que sería palabra bitemática e
procedería de FRAUJA, que significa ADAÍL ou SEÑOR, e o sufixo –REDS,
que significa CONSELLO ou ASEMBLEA.
No ano 569, durante o reinado do suevo Miro, hai documentos que sinalan a
Forcarei como territorio pertencente á sede de Iria Flavia. Naquel entón
os habitantes das terras de Forcarei, os Montanos, integraríanse no
grupo dos Metacios, e albergarían no seu seo ós poboadores máis antigos
da zona, os Umianos (vencellados ó río Umia). É probable tamén que a
cristianización dos territorios de Montes tivese lugar nese mesmo período,
baixo a férula de Martiño Dumiense, que legaría o seu nome á freguesía
de Forcarei. Sen embargo, non será ata o ano 874 cando estas terras
figuren enfeudadas, por doazón efectiva de Alfonso III, á sede iriense,
segundo documenta Frei Gerónimo Román.
En doazóns efectuadas pola raíña dona Urraca ó arcebispo Xelmírez,
entre os anos 1110 e 1115, conclúe a total adscrición á mesma sede, xa
capitalizada en Compostela desde o ano 1101. Nestas datas, o centro
administrativo e xudicial da bisbarra era a torre-fortaleza encravada no
Castro de Montes, en San Miguel de Presqueiras, na pequena península do río
do Castro, afluente do Lérez. Desde esta torre os Xuíces-meriños
gobernaban o territorio e percibían rendas dos campesiños para a Mitra e
maila Coroa, cun poder soamente enfrontado ás veces polas potestades
xurisdiccionais do Mosteiro de Aciveiro, fundado no ano 1135 e afectado ó
Císter entre os anos 1162 e 1170. Este mosteiro levaría á zona a un
apoxeo demográfico, cultural e económico sen parangón na nosa historia.
Mostra da súa relevancia é que, a penas transcorridos vinte anos desde a
súa
fundación, xa figuraba, por status e rendas, entre os sete primeiros dos
trinta e oito existentes na diócese de Compostela. As súa pedras son as
decanas da Terra de Montes, e mestras do variado abano de oficios que na
comarca se desenvolveron durante séculos. Canteiros dignos de lembranza
foron Pedro de Arén, autor da Torre dos Sinos da Catedral de Ourense;
Pedro de Monteagudo, que tivo entre as súas obras as igrexas dos
mosteiros de Oseira e Sobrado, ou Manuel Doval Cadavid, artífice da
fermosa imaxe do Corazón de María que se pode ollar no cemiterio
parroquial de Millerada, pero houbo moitísimos máis que tamén deixaron
profunda pegada nas pontes, cruceiros, hórreos e vivendas. A todos eles
está consagrado o libro “Canteiros e artistas de Terra de Montes e das
ribeiras do Lérez”, escrito polo cronista Antonio Rodríguez Fraiz.
Entre os anos 1467 e 1476, no transcurso da revolta Irmandiña, a Torre do
Castro de Montes foi derrubada, tendo os Xuíces-meriños que trasladar a
súa residencia a Soutelo de Montes, onde se asentarían ata a abolición
das xurisdiccións especiais, en 1811.
Desde finais do século XV ata o século XVII as terras forcaricenses
forman parte daquelas que tiveron que proporcionar ós reis de Castilla peóns
para combater nas guerras contra Portugal e entregar forzosamente reses,
forraxes, froitas e xuntas de bois.
Na Guerra da Independencia tivo Forcarei o seu pequeno papel na loita
contra o inimigo francés. Nos meses de febreiro e abril de 1809 atoparon
os galos a dura resistencia da paisanaxe comandada, entre outros, polo
primeiro Alcalde de Forcarei e derradeiro dos Xuíces-meriños, don Alonso
de Soto Cortés e Varela Vahamonde, da casa de Hermosende. O prezo que se
pagou tamén sería duro, xa que nas tres incursións que o exército de
Napoleón realizou polas nosas terras cobrou máis dun milleiro de víctimas,
e tan só nos días 29 e 30 de abril do mesmo ano foron torturados e
asasinados no adro da igrexa máis de douscentos veciños de Forcarei.
Despois de que as Cortes de Cádiz fixeran valer a moderna división de
Galicia coa remodelación de municipios e partidos xudiciais, o actual
territorio de Forcarei dividiríase temporalmente en dous concellos,
pertencentes ó partido xudicial de A Bemposta: o de Dúas Igrexas, que
abranguería as parroquias de Aciveiro, Castrelo, Forcarei, Meavía,
Millerada, Pereira e Quintillán, e o de Soutelo de Montes, que contaría
coas freguesías de A Madanela, Ventoxo, Pardesoa e as dúas Presqueiras.
En 1814 o rei Fernando VII anula a Constitución e a xurisdicción retorna
ó arcebispado de Santiago. A partir de 1833 os dous concellos pasan a
formar conxuntamente o actual de Forcarei.
Polo que respecta á incidencia, no transcurso do século XIX, das Guerras
Carlistas, hai que sinalar que a zona de Forcarei non figura entre aquelas
que foron escenario das loitas, aínda que sí existiron accións de apoio
ós facciosos de Cotobade, e tamén cabe salienta-la ocupación, o 16 de
abril de 1846, da propia vila de Forcarei polo comandante revolucionario
Benito Couto, que confirmou no seu posto ó daquela Alcalde Manuel Mariño,
acción que se truncaría días despois, o 24 do mesmo mes, polo brigadier
Rubín, que chegou ó mando de 1.500 homes do exército real e foi axudado
pola poboación e polo propio Alcalde, que non semellaba moi identificado
coa causa Carlista.
No ano 1875 tamén hai testemuño da colaboración coa facción constituída
en Silleda por Joaquín Redondo, formada por varios estudiantes e clérigos,
entre os que se atopaba o crego de Aciveiro.
Xa no século XX, merece mención o pulo que tiveron as sociedades
obreiras no concello, pioneiras na provincia de Pontevedra. De 1901 data a
primeira delas, denominada Sociedade Agraria e Gandeira, e fundada por
Alfredo Iglesias Álvarez, que tamén sería o artífice, en 1917, da
Sociedade de Obreiros e Campesiños de Presqueiras. Estas sociedades
formaron parte, xunto con outras da Terra de Montes e da Estrada, dunha
federación que tivo como órgano de divulgación o xornal “Acción
Social”, víctima coma moitos outros, da censura de Primo de Rivera. En
1931, Alfredo Iglesias foi elixido concelleiro de Forcarei, función que
desempeñou ata o ano 1936, en que, perseguido pola Falanxe, expatriaríase
ós Estados Unidos coa axuda prestada polo cura de Presqueiras, don Manuel
Fraiz Garrido. A Falanxe tamén foi protagonista da persecución do
deputado en Cortes pola provincia de Pontevedra, o esclarecido Antón
Alonso Ríos, que chegaría a Forcarei oculto baixo a personalidade dun
esmoleiro portugués, como el mesmo recolle no libro autobiográfico “O
Siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte”. No ano 1931
nacería tamén un dos órganos de difusión e espallamento cultural de
Forcarei, a revista quincenal literaria e independente “Alborear”,
fundada polo pintor Virxilio Blanco e polo mestre Caldera Manzano.
En 1946, o asasinato do mestre falanxista José Couceiro e maila súa
dona, atribuído á banda do celebérrimo guerrilleiro Foucellas, pecha o
enfrontamento fratricida da primeira metade do século en Forcarei.
|
|