|
SANTA MARÍA DE DÚAS
IGREXAS:
Freguesía situada nas estribacións occidentais da serra do Candán,
que conseva vestixios da cultura dolménica, en monte Penide, e da
cultura castrexa, no castro de Loureiro, con antecastro ben definido e
de considerable altura nos seus muros. As lendas populares vencellan a
este castro coa primitiva ponte do Crego, a onde ía bañarse a loira
ninfa Loureiriña, que se lles aparecía ós que pasaban a ponte.
O templo parroquial é de nave única e campanario de dous corpos,
cadrangular o primeiro e octogonal o segundo. Canto á ábsida actual,
cadrangular tamén, foi rematada en 1724 e reproduce a forma da
primitiva , románica. Os muros do edificio son lisos, de pedra
concertada, e cóbrese con bóveda de complexa crucería, a imitación dá
ábsida maior de Aciveiro. No seu interior consérvanse varios altares e
imaxes da arte popular de notable mérito. A xénese relixiosa da
freguesía foi, nun primeiro momento, a existencia de dúas igrexas moi
cercanas e de igual categoría, consagrada unha a San Vicente, aberta ó
culto ata comenzos do século XIX e derrubada posteriormente – só se
salvaría unha pía bautismal e un trozo do antigo cruceiro – , e a
outra a Santa María, que é a que na actualidade está aberta ó culto.
Foi berce a parroquia de destros canteiros e artesáns, como
amosa a existencia, no século XVIII, do máis relevante obradoiro de
cera de toda a comarca, propiedade de Xosé Barreiro, que tiña baixo as
súas ordes a máis de dez traballadores.
En Loureiro naceu o pintor Xosé María Barreiro, un dos artistas mellor
valorados no actual panorama da pintura galega. Del pódense ollar
distintas obras na Casa do Concello de Forcarei.
|
|

Hórreo
en Quintelas

Antigo
cruceiro en A Igrexa

Flor
de toxo, de X.M. Barreiro
|