|
|
SAN MAMEDE DE MILLERADA:
Existen dous castros ben conservados en Millerada, o castro das
Rodeiras, nas inmediacións de Garellas, que aínda posúe as defensas
en todo o recinto e no que se descubriron restos de primitivas vivendas,
e o castro da Mouteira, en Fixó, de forma circular, con foso e
antecastro.
A igrexa parroquial é quizais a máis fermosa de Terra de
Montes. Presenta planta de cruz latina e ábsida rectangular, cos brazos
a distinta altura que o corpo principal. A fachada está conformada por
un primeiro corpo rematado en golas cun pequeno pináculo en cada unha
delas, e o campanario armado en tres corpos, cadrangular o primeiro,
hexagonal o segundo, con arcos peraltados ámbolos dous, e o terceiro
que forma un cupuliño hexagonal de cascarón. No seu interior destaca a
capela dos Remedios, que presenta un fermoso retablo de principios do século
XVIII, digno representante da escola barroca popular, obra do artista
Felipe García, con ornamentación a base de grilandas, flores, follas e
froitos. Tamén atoparemos unha bela imaxe da Virxe do escultor
compostelán Rodeiro Seoane, e o escudo de armas da familia Soto-Varela
e Ogando, á cal pertencía o derradeiro dos Xuíces-meriños e primeiro
Alcalde de Forcarei, don Alonso de Soto Cortés, nacido no pazo de
Hermosende, único exemplo de arquitectura señorial do concello, do ano
1711. Neste pazo, durante a invasión do exército napoleónico, mandou
gardar Frey Felipe Serrano o chamado “Tumbo Grande”, verdadeira
reliquia documental por sé-lo único material que se salvou da
biblioteca cenobial dos incendios e da rapina francesa.
No cemiterio atópase unha fermosa imaxe do Corazón de María,
entre dúas columnas salomónicas, talladas por un dos meirandes
canteiros da comarca, Manuel Doval Cadavid.
Na mesma parroquia érguense dúas
capelas tamén de certo interese, a de San Antonio de Garellas e a dos
Milagros de Vilariño. |
|

Templo parroquial de
San Mamede

Prado e carballeira en Igrexa

Cruceiro parroquial e cemiterio
|