|
|
SANTIAGO
DE PARDESOA:
Nesta freguesía consérvanse
vestixios da cultura dolménica no monte Custoia, un dos cumes máis
elevados do concello. Nel foron achados un ídolo de pedra e unha
machadiña de pedra pulida. As primeiras referencias documentais coñecidas
da parroquia datan de 1246, ano no que un cabaleiro chamado García Peláez
dona ó mosteiro de Aciveiro varias herdades en Parada, Barcia e
Pardesoa.
O
templo de Pardesoa conserva o seu corpo orixinal, de finais do século
XV, pero foi obxecto de varias reformas, entre elas a do ano 1625,
realizada polos mestres Xoán de Cadavide e Bartolomé Piñeiro, que
traballaron na capela maior e na sacristía, e unha posterior revisión
que foi efectuada por Pedro de Barro e Andres García. A actual fachada
data de 1822 e foi executada por mestres da propia parroquia, constando
de tres corpos: o primeiro, no que figura a portada alintelada sobre a
que se sitúan unha pequena xanela circular e unha fórnice coa imaxe da
Virxe; o segundo, con dous arcos peraltados que albergan senllas campás,
e o terceiro, un pequeno frontón de liñas onduladas e rematado en tres
pináculos.
Ademais
do templo parroquial esta freguesía conta con dúas capelas, unha en
San Marcos, do século XVII e outra no lugar de Fixó, do século XVIII,
así como un importante número de cruceiros.
Aquí
naceu, no primeiro tercio do século XVI, Diego de Cana, un dos mellores
gaiteiros desta terra, da que tantos e tan sobranceiros artistas da
gaita xurdiron para facer ás romarías de Montes das máis sonadas.
|
|

Igrexa
parroquial de Santiago de Pardesoa

Cruceiro
parroquial de Pardesoa
|