|
 Freixa
en Chamosa (Forcarei)
Aldea
de Grovas, no Candán
 Río
Lérez, ó seu paso por Forcarei
 Escudo
municipal
 Casa
rural rehabilitada a través do P.R.O.D.E.R. Terra de Montes
 Muíño
no curso do Lérez
 Libriño
divulgativo |
|
ASPECTOS
xEOGRÁFICOS:
O Concello de Forcarei ocupa, na zona norcentral da
provincia de Pontevedra, unha superficie total de 167,7 km2, cunha
altitude media de 625 m., indicativa dunha zona notablemente montuosa. As cimas
máis elevadas das terras forcaricenses son o monte Seixo
(1.014 m), na serra do Cando, o alto de A Ruza (902 m), na
parroquia da Madanela, o monte Custoia (951 m), en Pardesoa e o alto
de San Benito (1.017 m), na serra do Candán. Nesta serra nacen as fontes que dan
orixe ó río Lérez: a fonte do Rego Dedra, fonte do Pao Dereito, fonte
do Rego das Latas e fonte do Forno Telleiro. O río Lérez baña as
terras de Aciveiro, Pereira, Dúas
Igrexas, Forcarei e Castrelo, mentres na zona norte nace o río Umia, nas proximidades
do lugar da Reigosa, índose logo polos límites coas terras
estradenses.
Forcarei limita pola zona oriental co Concello de Lalín, do que o separan
os montes do Testeiro e a serra do Candán. Esta
última, na cima de San Benito, serve de linde ós Concellos de
Lalín, Silleda e Forcarei. Polo sector norte e nororiental
irmándase coas veciñas terras de Silleda, e polo noroccidental coas do Concello de A Estrada.
Na parte suroccidental limita co Concello de Cerdedo e incide, coa
fronteira natural da serra do Cando, nos territorios de Cotobade e A Lama, encontrándose
no sur coas terras ourensás de Beariz e Irixo.
Canto
ás comunicacións, é preciso destacar a estrada
N-541, que atravesa o Concello na zona sur, debuxando un triángulo co tramo Folgoso - Silleda
e a serra do Candán. As trece
parroquias que compoñen o Concello de Forcarei están unidas entre si e coa capitalidade do Concello por estradas
artelladas en
torno a esta e a Soutelo de Montes, como núcleos principais de poboación
e de actividade económica e social.
ASPECTOS
ECONÓMICOS E DEMOGRÁFICOS:
A economía do Concello de Forcarei vén marcada desde hai séculos
e de xeito total polas condicións xeográficas do solo. A poboación
tendeu tradicionalmente a se asentar nos vales e a cultivar a superficie
máis fértil, conformada por terreos con
multitude de regueiros, na súa maior parte afluentes do Lérez. A
propiedade da terra está, coma en gran parte de Galicia, basada no minifundismo. Esta condición,
xunto coa escasa mecanización,
consecuencia inevitable da anterior, foron as características
fundamentais que influíron no lento progreso da comarca. Este
aspecto está tornando nos últimos dez anos, e a endémica
reserva das parroquias sobre a conveniencia da concentración
parcelaria está deixando paso á súa execución nalgunhas delas, de
xeito que as condicións de explotación evidentemente veranse
transformadas nun corto prazo de tempo. A esto hai que engadir unha
serie de accións desenvolvidas como alternativa ó sector agropecuario
no marco do P.R.O.D.E.R. “TERRA DE MONTES” (Programa operativo
de desenvolvemento e diversificación económica das zoas rurais), entre os anos 1997 y 2000.
Un
sector que sempre gozou dun pulo notable é o da construcción,
que emprega a máis da terceira parte da poboación activa. Os
sectores industrial e de servicios, lonxana aquela época de riquísima
variedade nos oficios - o catastro do Marqués da Ensenada, de
1.752, enumera máis dun cento de oficios artesanais na Terra de
Montes - , reviven paulatinamente gracias á iniciativa dalgúns pequenos
e medianos empresarios, que están
contribuíndo cos seus investimentos e proxectos a unha mellora notable
no emprego, ó mesmo tempo que accións de respaldo público como a
Escola-obradoiro Terra de
Montes, sita no mosteiro de Aciveiro, procuran a capacitación e experiencia de
novos artesáns e traballadores especializados.
Canto
á evolución da poboación, repartida nun cento de núcleos, obsérvase
un claro retroceso desde principios do século ata a actualidade. No ano 1925, segúndo
os datos de Dantín
Cereceda, o número de habitantes alcanzaba os 9.125, o que equivalía
a unha densidade de 54,6 hab./km2. Nos anos sesenta a cantidade descendeu a 8.079
e en 1981 a 7.114. A principios dos 90 era de
5.823 e hoxe,no ano 2000, supón un total de 5.065 habitantes, é dicir, unha densidade de 30,2 hab./km2. Esta circunstancia explícase por
un éxodo considerable á capital de provincia e a outras cidades de
certo pulo industrial e comercial, así como por unha forte emigración
a América nun principio, e ós países centroeuropeos a partir dos anos 50.
|