Web           realizada por: Javier Tato Arca. Fotografías de "Xoque" Carvajal,           Federico de la Peña, Manuel Barreiro e "Rochi".

PORTADA

 Concello Xeografía Cultura Cotaredo Gaiteiro T. de Montes Xentes Enlaces

 

Terra de Montes

Un pouco de historia, un pouco de lenda

O país dos muíños

Sendeiros de Montes

Terra de Artistas e homes de Letras 

Turismo Rural

Arte e tradición

Comer / Durmir/ Teléfonos

   

 

Mosteiro de Aciveiro, anos antes da súa rehabilitación

 

 

 

Scriptorium de Aciveiro nos anos 80,  antes da súa restauración

 

 

 

 

ACIVE40.JPG (246738 bytes)

Interior do tempo cenobial nos anos 40, cos piares caleados para combater doenzas infecciosas.

 

 

 

 

SBENIT20.JPG (1119498 bytes)

Festa de San Bieito, en torno a 1920.

 

 

 

 

Patio chamado da Hospedería, na actualidade

 

 

 

 

 

Monumento ó Canteiro, na praza de Cerdedo

 

 

 

 

 

Imaxe do corazón de María, obra do canteiro de Millerada Manuel Doval Cadavid

 

 

 

 

Ponte románica de Pedre, no municipio de Cerdedo

 

 

 

 

Peto de ánimas e cruceiro en Vichocuntín (Cerdedo)

 

 

 

 

 

Ponte románica de Andón (Aciveiro - Forcarei)

 

 

 

 

Casa de Grobas con forno separado, ilustración de Ramiro Barros Justo

 

 

 

 

 

Peto de ánimas de Pedre (Cerdedo)

 

 

 

 

Antigo cabaceiro de Cotiño (Aciveiro - Forcarei), debuxado por Ramiro Barros Justo.

 

ARTE E TRADICIÓN :

O MOSTEIRO DE ACIVEIRO E OS OFICIOS TRADICIONAIS

 

               Se existe un fito aglutinador e creador de vida nos eidos social, cultural e económico na Terra de Montes ó longo de sete séculos, ese é o mosteiro de Aciveiro, verdadeira xoia do románico serodio, xerador dos máis diversos oficios artesáns e matriz dun Colexio de Teoloxía Moral.

            Na inscrición que hoxe podemos ler na parede sur do templo cenobial (non era esa a súa orixinal ubicación) testifícase a data da súa fundación: “Era millesima centesima septuagesima tercia quarto nonas Februarii factum est. In primo duodecim fratres venerunt in hoc loco nobilisimo ipse tenens centum sex monachi sub regula Santi Benedicti” que, vertida ó galego, ven dicir : "Era de 1173. No ano 1135 fíxose (o mosteiro) o 2 (Rodríguez Fraiz apunta equivocadamente o 4) de febreiro. Nun principio chegaron a este lugar nobilísimo doce irmáns (monxes). Ten agora 106 monxes baixo a regra de San Benito"

            O conxunto, que a partir do ano 2000 alberga unha Pousada de Turismo Rural, non data na súa totalidade do século XII. De planta basilical, o templo é o único que resta da primixenia arquitectura románica, agás a fachada, que sería erguida no século XVIII no estilo barroco popular que practicaban por aquel entón os nosos mestres canteiros e que remata nun piñón con cruz. Sobre a portada austera, que contou ata a primeira metade do século XX cun porche, érguese un frontón triangular con pináculos nos extremos, coroado por unha estatuíña da Virxe sobre a que se abre unha fiestra arqueada. Esta sobriedade vese apoiada por outras dúas solitarias fiestras cadradas que serven para dar luz ás naves laterais. Sobre a fachada elévase un campanario espadanado con dous corpos, o inferior, que alberga as campás baixo senllos arcos peraltados, e o superior, cun só arco similar ós dous inferiores.

            O interior reflicte con total fidelidade a escola compostelá, á que imita nos piares, na distribución das naves e mesmo no triforio, que aquí, pola ausencia de tribuna, é meramente ornamental, caso que se dá en rarísimas ocasións na tipoloxía cisterciense galega (só comparte esa característica distintiva con outros dous exemplos: Santa Mariña de Augasantas e Santa María de Xunqueira de Ambía, ámbalas dúas do románico ourensán). Os capiteis son variadísimos e de labra admirable. As naves carecen de bóveda, e a armazón da teitume, de madeira, apóiase sobre o falso triforio. Pódense contemplar no interior, ademais das distintas capelas, dous sepulcros de pedra que, segundo os distintos expertos, cómpre atribuir a don Pedro Martínez, da Casa de Sotomayor, a San Gonzalo das Penas ou ó primeiro abade, de nome Pedro. 

            Un anterior retablo, construído no século XIV, foi reemprazado polo actual, con tres corpos de recargada decoración, que se atribúe a Miguel de Romay, autor tamén do retablo de San Martiño Pinario.

            Cobren as capelas interiores ben traballadas bóvedas, a central de intrincada nervadura e con fermosos rosetóns nos cruces. Pero onde a estética acada maiores cotas é na vista exterior da ábsida, onde se erguen dous corpos semicirculares ós lados e o central hexagonal, coma na igrexa coruñesa de Santiago de Mens. Os laterais teñen dous óculos e dúas fiestras, e o central desprega elegantes arcos de medio punto, tres cegos, coroados todos con moldura xadrezada. Sostéñenos lanzais columniñas cilíndricas rematadas en finos capiteis de labra prodixiosa. A cornixa ofrece uns orixinais modillóns decorados con taqueado xaqués. Todo o conxunto absidial está creado no estilo románico-bizantino propio da época.

            No lado que dá ó norte, é digna de admiración polo seu traballo unha porta tapiada desde hai moitos anos, con ornamentación nas tres faixas que a compoñen (alternando motivos xadrezados, rosetóns e óvalos encadeados), apoiadas en toscas xambas, unha delas salomónica, e con capiteis un tanto arcaicos se os comparamos con outros dos que se poden admirar no interior.

            O recinto cenobial, coa estructura totalmente fiel ás pautas cistercienses (en torno a un claustro distribúense as distintas dependencias: cociña, refectorio, scriptorium, sala capitular, celdas dos monxes, corte dos cabalos ), está practicamente rehabilitado na súa integridade.

            Aparte do fermoso e orixinal románico que nos legou, cómpre agradecer ó mosteiro o seu signo seminal cara ós novos oficios que, co tempo, foron cobrando vida nas xentes de Montes. O rei dos oficios na comarca é o da pedra. Os canteiros de Montes, de merecido renome, tamén deixaron profunda e duradeira pegada non só nas súas casas, hórreos, pombais, cruceiros, pontes, muíños e ermidas. Tamén percorreron e impregnaron de bo facer artesán terras alleas, mesmo alende o mar. Ademais da autohomenaxe que supón cada pedra das vellas aldeas dúas son, por riba de todas, as mostras de pleitesía que a Terra de Montes tivo para este gremio de pequenos demiurgos de cruceiros e pontes. Unha está representada no monumento ó Canteiro sito na praza de Cerdedo, obra do escultor Enrique Velasco e a Escola de Canteiros de Poio, e promovida pola “Asociación de Amigos da Terra de Montes”, lembrando a súa terra (a Galleira, no latín dos canteiros). Na lenda do monumento figuran aqueles agradecidos versos que escribira o poeta Celso Emilio Ferreiro:

 

                                     Caste de poetas,

                                    pequenos deuses construidores

                                    dos refuxios que nos acobillan

                                    da chuvia e da neve,

                                    chouzas nas que nacemos,

                                    copulamos e morremos.

                                    Que Caicoa vos garde.

 

            A outra toma corpo no libro “Canteiros e artistas de Terra de Montes e Ribeiras do Lérez”, onde o cronista Antonio Rodríguez Fraiz compón un exhaustivo e ameno censo dos “arxinas” e artesáns desta terra, que os veu nacer a centos.

            Os oficios artesáns tiveron tal trascendencia que non se entendería a vida sen eles. No Catastro do Marqués de la Ensenada, do ano 1752, podemos observar a representativa variedade: 772 canteiros, 290 carpinteiros, 122 texedores, 122 borreiros (trafegantes da cera), 95 arrieiros de viño, 94 xastres, 41 ferreiros, 58 costureiras, 61 carboeiros. Había ademais bataneiros, cardadoras de liño, cereiros, cesteiros, ferradores, gaiteiros, muiñeiros, panadeiros, prateiros, torneiros, zapateiros e un sinfín de ocupacións perdidas todas na era esclava do reloxo e da tecnoloxía. Podemos, eso si, gozar das súas inmorredoiras obras, porque cada muíño, cada hórreo, cada cruceiro ou peto de ánimas, mesmo cada bufarda, son obras mestras de paciencia, bo facer e sabedoría secular.

            Don Antonio Fraguas Fraguas dicía no prólogo da obra dedicada ós canteiros e artistas que “A obra de Don Antonio Rodríguez Fraiz, constitúe a maxistral demostración da óutima categoría dun oficio que, realmente, é ben merecente dela”. Algún dos artesáns ós que o libro está consagrado son o mestre Pedro de Arén, nacido en Cerdedo no século XVII, que había ser o artífice da obra que reformaría a fábrica da igrexa e coros do convento compostelán de Santa Clara, así coma da Torre dos Sinos da Catedral de Ourense; Virxilio Blanco, nacido en Presqueiras (Forcarei) en 1896, que destacaría coma un dos mellores pintores da vangarda de principios de século; Xosé Bugallo, nacido en Pardesoa na metade do XVIII, autor da portada da igrexa de Quintanilla de Somoza (Astorga); o inmorredoiro Avelino Cachafeiro, poeta, pintor e ,sobre todo, o mellor gaiteiro de Galicia, en crónica afervoada do patriarca Castelao; Manuel Doval Cadavid, autor da fermosa imaxe do corazón de María que se pode ollar no exterior da igrexa de Millerada entre senllas columnas salomónicas de virtuosa talla; Antonio Ferreiro, nacido en Quireza (Cerdedo) a mediados do XIX, autor dos cruceiros de Aciveiro e Forcarei; Xoán de la Fuente, nacido no primeiro tercio do século XVI, en Aciveiro, que traballaría no Claustro das Procesións do mosteiro e tamén na reedificación da Torre dos xuíces-meriños, xa en Soutelo (no ano 1602); Xosé Nieto, o mestre arquitecto que deseñou a igrexa de San Xoán Bautista de Cerdedo; Xosé Rivas, mestre de cantería nacido en Lebozán (Beariz) nos primeiros anos do XIX, coautor con Pedro Vázquez da espadana da igrexa de San Román del Valle (Astorga) en 1850; Xosé Barreiro, cereiro e borreiro que chegaría a ter o máis significativo obradoiro de cera de Terra de Montes, en Dúas Igrexas; Xosé Barreiro Gómez, o pintor, hoxe dos máis valorados en Galicia, nacido en Loureiro; Diego de Cana, o primeiro gaiteiro do que temos noticia en Terra de Montes, nacido no primeiro tercio do século XVI; Xosé Couceiro Blanco, canteiro que morreu traballando en obras de restauración da Catedral de León, e moitos outros, dignos tamén de seren lembrados, que en palabras da sua xerga, o “verbo” ou “latín dos canteiros” poderían ser definidos coma “muriadores de xideces que xarecen muriadas por Queicoa” - autores de marabillas que semellan feitas por Deus - . O elegante equilibrio que xunguía os froitos deses artistas a unha natureza vizosa coma a de Montes tamén está presente na fermosura e musicalidade desta xerga que perde as súas orixes na época en que comezaban a se artellar os distintos gremios, e que foi producto dunha exhaustiva investigación do inquedo cura Feliciano Trigo Díaz, plasmada en 1993 nun imprescindible libro-diccionario titulado “O Verbo dos Arginas de Avedra”, no que se recollen algunhas cántigas salaces que se prodigaban entre os canteiros da zona:

                                    

                         Esta raula no escaino                Caloeriña das bouzas

                        ha de haber o verbo xido             caloeriña das bouzas

                        patanachas con jumetes               esta raula llasto allezos

                        e mais o verbo do kilo                  abismarche a bacharouza

 

                        O barroi llasteu á bacha                O purrio e mais a purria

                        axando jandir jumetes                    oretan de fris ajirra

                        encaturrou a xabouca                     porque lle llasten os zuros

                        e aniscouse nos calquetes               o patelas e o argina.

 

            Ou a tan popular Verbo xido miña purria / que intervas por areona / heiche de aniscar os zuros / e mais rosmarche a morrona, que foi introducida nunha peza do pioneiro grupo folk “Fuxan os Ventos” no ano 1981. O verbo é , con toda seguridade, a xerga ou dialecto máis descoñecido, posto que, cando se usaba era críptico e hermético para a maioría, e hoxe está a piques de desaparecer, arrecantado na memoria dos vellos canteiros que aínda sobreviven daquela época de penurias.

            Pero tampouco podemos esquecer a obra dos “arxinas” na súa propia terra, na casa popular e nas construccións adxectivas. As orixinais vivendas de Montes, maltratadas polo tempo, e tamén pola modernidade , como nos fai ver, no estudio “Etnoarqueología de los abandonos en Galicia. El papel de la cultura material en una sociedad agraria en crisis” o novel arqueólogo soutelán Alfredo González Ruibal, son notablemente representativas da tipoloxía de muros de cachotería de pedra de gran e de lousa-xistosa disposta de xeito concertado (pódense ollar significativos exemplos na Noveliza (Acibeiro), ou en Serrapio e en Filgueira (Cerdedo). En toda a bisbarra, o remate dos muros coa cuberta, que adoita ser a dúas augas, coñécese co nome de pinche ou muro piñón. Os remates son toscos e non adoitan levar pezas de cantería para reforzar os encontros cos muros, senón unhas lousas grandes de pedra (as carpias ou capias) a xeito de enlace da cuberta cos muros piñóns. Estes son en xeral de cachotería vista, encintada ou non, tendo algunha excepción en lugares coma A Ponte (Forcarei). Unha das modalidades de fiestra menos coñecida xeralmente, pero que na Terra de Montes aparece en bastantes ocasións é o ventanuco circular formado por dúas pezas de cantería de pedra de gran, que se ubica con frecuencia nos muros das escaleiras para darlles luz. O seu tamaño supera ó das bufardas (as pequenas e características fiestras que aseguraban a ventilación das cortes, que nalgúns casos son obras mestras da arte da labra en pedra).

As portas das vivendas substitúen na maioría dos casos o antepeito por unha lousa de pedra colocada máis alta có nivel do chan para evitar a entrada de auga nas vivendas, e na parte superior a peza denominada lumieira está composta por unha soa pedra de gran que en ocasións leva gardapolvos. Nas portas do carro, a lumieira debía ter unha luz máis cumprida, e a solución máis socorrida era a sustitución por unha viga de madeira ou ben a adopción dun pequeno arco de descarga.

            Canto ás cubertas, as utilizadas xeralmente eran as de tella ou xisto na vivenda, e a de xisto nos fornos e nos muíños, aínda que non resulta raro ver nestes últimos algún teito de lousa de pedra de gran, coma no muíño que se atopa cabo da Ponte de Ricobanca (Beariz).

            Entre os elementos constructivos interiores cómpre salientar as divisións horizontais, as verticais, o lar e a cociña, unidos, e as cortes. Adoitaban construírse os elementos divisorios horizontais, os que separan e soportan as cargas das plantas superiores, de madeira de piñeiro, carballo ou castiñeiro. Os verticais comezaron sendo sinxelos taboados practicamente sen evolución desde a Idade Media, e remataron por incorporar o ladrillo paulatinamente a partir de mediados do século XX.

            A cociña e mailo lar constituían o núcleo, a parte vital da vivenda, onde tiñan lugar tódolos actos, cotiáns ou extraordinarios, que desenvolvía a familia, e aínda hoxe prevalece a súa condición de relevante símbolo da hospitalidade da xente da aldea.

            As cortes resultaban tan básicas na economía agraria que en moitísimos casos ocupaban máis espacio có resto da vivenda. Só se ventilaban por medio das bufardas e ventanucos.

            Os fornos de cocer o pan tamén eran pezas básicas na vivenda tradicional, e podían ser, ó igual cós muíños, de propiedade comunal ou particular (o usual era o segundo caso en Montes). Soían ser de granito ou lousa, integrados e sobresaíndo na planta baixa, a carón da lareira. En Grobas (Forcarei), sen embargo, aínda se pode ver un forno exento, cunha estancia exclusiva para el, a un lado da palleira, como amosa a ilustracion de Ramiro Barros Justo.

            Entre as denominadas construccións adxectivas as máis próximas eran a palleira e mailo hórreo. A disposición destes separa en dúas zonas á comarca: mentres no norte (Forcarei), a fórmula imperante é a dos hórreos vencellados ás vivendas, no centro e sur (Cerdedo e Beariz) preséntase unha tendencia ó agrupamento en eiras comunais, como é o caso da Eira da Ermida de Filgueira e a Eira Grande de Pedre, en Cerdedo, ou as de Magros e Muradás, en Beariz. A tipoloxía é xeralmente mixta, de pedra e madeira, pero existen casos de construccións unicamente en madeira (o derradeiro hórreo destas características en Montes – crese que esta tipoloxía puido ser introducida polos suevos – ubícase na eira próxima á Torre de Alarma da Barciela (Castrelo), a punto de desaparecer, como xa lle ocorrera no ano 1997 ó derradeiro dos cabaceiros - primitivo hórreo de planta redonda con cámara de cestería- que había en Terra de Montes, no lugar de Cotiño (Acibeiro), reproducido fielmente noutra das ilustracións de Ramiro Barros Justo. A disposición das pedras da base deste desaparecido exemplar proviña, segundo este autor, da disposición que adoitaban practicar os moradores dos castros). Tamén existen, sen ser o máis frecuente, casos de construccións integramente en pedra, das que conservamos un gráfico exemplo no hórreo de Ricobanca (Beariz).

            É abondosa a existencia en Montes doutras construccións tradicionais coma alvarizas, alpendres, cabaneis, fontes, pozos, regas, lavadoiros e muíños. En relación cos oficios tradicionais sería precisa unha forte labor de recuperación, tal como está a facer a “Escola-obradoiro Terra de Montes”, ubicada no mosteiro de Acibeiro, porque na actualidade só podemos detectar a presencia activa dunha coroceira en Doade (Beariz), que aínda fai por encargo corozas e carapuchos, e unha cerería na Casanova (Forcarei), con lagar tradicional do século XVII, coma derradeiro testemuño dunha terra que foi sobrenomeada ó longo de séculos coma “A Borreira”, pola actividade predominante dos borreiros ou trafegantes da cera. Lembremos que no ano 1752, na parroquia de Dúas Igrexas (Forcarei), 119 dos seus veciños eran borreiros ou trafegantes e elaboradores da cera. Este proceso describíao Antón Alonso Ríos, deputado agrario e galeguista, no seu cariz de “refuxiado” en Forcarei no transcurso da Guerra Civil. No seu libro “O Siñor Afranio”, que relata maxistralmente como sobreviviu á persecución da Falanxe amparándose na falsa personalidade dun esmoleiro portugués, revive a concorrencia dos borreiros, despois de “recolleren as colmeas das albarizas e dos lagares as entenas das que se tiña tirado o mel, co gallo de derretelas, prensalas e facer a cera virxe”. Era este outro dos oficios que xurdira á sombra do mosteiro, incontestable propulsor tamén da actividade comercial a través da implantación dunha rede de feiras e mercados, como amosou ata mediados do século XX a puxanza das de Doade, Soutelo, Fondós ou Aciveiro.

 

FORCAREI.NET

e-mail

Libro de visitas