Ponte do Atranco
Grande, en Aciveiro

Ponte Carballa, en Quintelas, Dúas
Igrexas

a Ponte da Noveliza, próxima ó
nacemento do Lérez

Cruceiro e peto de ánimas de
Vichocuntín (Cerdedo)

Ponte de Andón, na ruta das Pontes do
Lérez

Itinerario dunha ruta a Grovas (Millerada)

Muíño en Covas (Forcarei)

Ponte das Codeseiras, no Cotiño (Aciveiro)

Ponte das Buratas, en Aciveiro
|
|
POLOS SENDEIROS DE MONTES
En
Montes existen fermosos emprazamentos naturais, lugares tan anónimos
coma omnipresentes; quizais por elo non sexa o máis conveniente
homologar ou catalogar diferentes rutas de sendeirismo, nunha terra onde
cada sendeiro, cada verea, son en sí mesmos obras de apreciable beleza
onde antano se combinaron e irmandaron perfectamente a pródiga nai
natureza e maila sabia e respectuosa man do home da aldea.
Aínda así, catro desas rutas poden, certamente, exercer unha
maior atracción sobre o sendeirista. A primeira á que temos por forza
que acudir é a “Ruta das Pontes do Lérez”, xurdida á sombra dunha
obra de colaboración entre o cronista Antonio Rodríguez Fraiz e o
artista Agustín Portela Paz, que vai describindo e retratando
puntualmente cada unha das pontes sobre o Lérez, o seu entorno e mailos
retallos de cultura inmaterial ligados ás zonas polas que o río
discorre. Non foron, sen embargo, estes dous autores os primeiros en
canta-las excelencias do Lérez. Frai Martiño Sarmiento, con
antepasados en Cerdedo, dedícalle unha case desmedida atención a este
río que nace en Acibeiro, a escasos dous quilómetros do mosteiro.
Transmítenos o gran filólogo as súas dúbidas verbo da orixe etimolóxica
da voz Lérez (orixinalmente Leron ou Laeron): “...ni sé si es voz de la lengua primitiva, si de la céltica, si de la
griega, o si de la latina”, e apunta unha imaxinativa hipótese:
“Siendo
Pontevedra Hellenes y su significado, pueblo o país habitado de
hellenos o griegos, claro está, que sin violencia, se pudo llamar el río
Lérez, río de los griegos o fluvius hellenôn. Supuesto lo dicho, pudo
haberse dicho Leros o Leron, mudando la N en R, tránsito común,
sincopado el Hel-leron de Hel-lenon. Y acaso así se llamaría, y por lo
mismo no me determino a creer sea voz latina... Mientras, digo que
Laeros, se dijo Leros, Lericos, Lerice, Lerce, Lerze, Lerz, Lérez y
Leriz”. Diríase que podemos chamalo, pois, coa licencia do
sabio Martiño, o río dos mil nomes na terra dos mil ríos de Cunqueiro.
Tamén outro cerdedense, o poeta Xosé Roxelio Otero Espasandín, que
neste 2000 cumpre o seu Centenario, dedicou un fermoso poema ás pontes
do Lérez, no que queda ben patente o seu amor pola terra: Pontes do río Lérez / feitas de
ceo e pedra: / lévovos no recordo / sempre ledas. / Firmes pontes /
brinco de orela a orela / maternos brazos / da ialma da Galecia: /
comigo andades sempre, / as meniñas dos ollos moi abertas, / cara ó
lonxe do tempo / e das estrelas.
O percorrido desta ruta, deseñado por Gumersindo Ferro, comenza
no lugar de Pedre (Cerdedo) e remata a poucos metros do nacemento do río,
ó pé do Candán (Acibeiro). Sepárase nalgunhas zonas do cauce por mor
das condicións topográficas adversas, e divídese en 9 tramos que supoñen
un total de 24 quilómetros:
1-
Ponte de Pedre – Ponte de Vichocuntín : quilómetro e
medio que discorre nos comenzos entre uns valados de pedra que conducen
á Eira Grande de Pedre, aldea que foi calificada por algúns etnógrafos
coma o “Combarro interior”.
2-
Ponte de Vichocuntín – Ponte de San Antón : tramo de 2
quilómetros que transcorre por unha zona chá e con abundante arborado.
3-
Ponte de San Antón – Ponte do Pego : 5 quilómetros. Desviándose
ó pobo de Cerdedo pódese ve-lo conxunto de hórreos da Eira da Pena, e
voltando ó río existe unha boa cantidade de muíños sen perde-la
traxectoria do cauce.
4-
Ponte do Pego – Ponte Parada : outro quilómetro e medio.
Tramo que consolida un paso de socorrido uso para os pescadores na marxe
esquerda. A Ponte Parada é digna de contemplar facendo un alto no camiño.
5-
Ponte Parada – Ponte Gomaíl : tramo de 3 quilómetros e
medio que une dúas das pontes máis fermosas da ruta. Atoparemos un
camiño que antigamente servía de acceso a unha das primeiras mini-centrais
da era protoindustrial que xerou a corrente eléctrica para o municipio
de Forcarei, a dos Gulías.
6-
Ponte Gomaíl – Ponte Maril : nestes 2 quilómetros atópase
un anaco de camiño empedrado entre a ponte nova e a chamada Ponte Vella
do Batán, de Forcarei.
7-
Ponte Maril – Ponte Carballa : parte este tramo dunha
paraxe acolledora e rebordante de vexetación a carón do acampamento
xuvenil de Ponte Maril, e discorre por bosques e carballeiras case en
pemanente sombra. Ten 3 quilómetros.
8-
Ponte Carballa – Ponte Vella de Andón : nun espacio de 3
quilómetros e medio recupérase unha vella verea que ía desde Ponte
Carballa a Acibeiro, por mor do encaixamento que fai impracticable a
zona de ribeira. Transcorre a ceo aberto polos montes de Valiñas e da
Furada.
9-
Ponte Vella de Andón – Ponte Vella do Rabelo : os dous
derradeiros quilómetros transcorren por terreos de capa vexetal moi
fonda, e condúcennos ás proximidades do nacemento do Lérez. A ponte
da que parte este derradeiro tramo, a Ponte Vella de Andón, ben merece
un alto no camiño, para observa-la fermosura desta obra mestra do románico
popular, atribuida a San Gonzalo das Penas cando era abade do mosteiro
de Acibeiro, que queda a uns catrocentos metros da ponte.
Da
maxia e beleza desta ruta xunguida ó río, ás pontes, ós muíños e
ó mosteiro, fálanos a propia tradición do noso país: no mundo mítico
galego a auga, en tódalas súas formas (ríos, fontes, a mar) ten unha
vital relevancia. Tamén universalmente está vencellada a un simbolismo
circular de morte e resurrección. Este valor mítico da auga atópase
nos máis antigos textos da humanidade e, por exemplo, na epopeia
sumeria de Gilgamesh concreta o mito do eterno retorno. Vense claros,
pois, os lazos de unión das tradicións seculares ó redor da auga cos
ancestrais “enxebramentos”,
ritos propios do folclore galego que equivalían ó bautismo dos nonnatos ou bautismos anticipados cando se temía pola vida da
criatura no ventre materno, o mesmo cós rituais de fertilidade ou de
exorcismo. Da práctica dos variados tipos de ritos hídricos existe
constancia nalgunhas pontes do Lérez, coma na Ponte Vella de Andón,
Gomaíl, Parada ou Pedre, acompañada sempre dos correspondentes
ensalmos e esconxuros.
Outro
sendeiro, fillo da tradición e da historia miúda deste país de
oficios, é o coñecido coma “Camiño Vreeiro” (denominación tautolóxica,
toda vez que os dous conceptos expresados ofrecen idéntico
significado). Esta ruta, tamén chamada “dos arrieiros” xerouse na
Idade Media coma alternativa ás rutas que atravesaban espacios de maior
densidade demográfica, co fin de fuxir das portaxes e outros impostos
comerciais. Subía practicamente dun tirón desde o Ribeiro ata
Santiago, sen apenas ramais secundarios, e penetraba na comarca de
Montes pola freguesía bearicense de Doade, despois de transitar 20 quilómetros
por unha diagonal que separaba os dominios dos mosteiros de Melón e
Acibeiro. Atravesaba as paraxes do Porto de Rodeiro, Laxa Blanca e
Portela da Cruz, na serra do Suído, e un dos escasos ramais levaba á
ermida da cima de Santo Domingo. Tras pasa-la ponte románica de
Ricobanca, a carón dun fermoso exemplar de muíño con teito de pedra
de cantería, dirixíase ó monte Seixo e posteriormente ó val de
Alfonsín (Presqueiras), seguía por San Miguel, Morgade e Folgoso,
cruzando o Lérez pola Ponte Parada, subindo por Lama Ferrada á zona de
Santa Mariña de Castrelo, onde se conserva en bo estado a lanzal Torre
de Alarma da Barciela, do século XV. Pasaba, no tramo final de Terra de
Montes, por Vieiro (outro topónimo vencellado etimolóxicamente ó
propio camiño), Liñares, Mámoa, Cima da Costa, as Baiucas, Quintillán,
Rúa, Cruceiro e Fonte Blanca. Na Mámoa (Castrelo) existe un campo con
máis de 20 túmulos ó lado deste antigo camiño. O Camiño Vreeiro está
aínda por sinalizar, e o seu percorrido, duns 20 quilómetros, atravesa
de sur a norte a Terra de Montes. É, ademais, a vía por onde se xerou
o prato típico da gastronomía de Forcarei, a Richada.
Na
Serra do Candán, espacio de protección medioambiental, cabe a
posibilidade de facer dúas rutas de considerable atractivo natural e
etnográfico. A primeira, recollida nunha publicación de Paco Armada
sobre “Sendeiros
de pequeno percorrido na provincia de Pontevedra”, ten coma
punto de partida o campo do mosteiro de Acibeiro e, ó longo de 11 quilómetros,
transcorre polos lugares de Masgalán, a cima de Seixiños Brancos,
Porto Candán, cume de San Benito, a aldea aillada de Grobas e Bustelos.
No tramo final, o que vai do fermoso recanto de Grobas a Bustelos, aínda
atopamos un anaco longo dun soberbio e vedraño camiño enlousado polas
faldras do monte. O propio autor, Paco Armada, resaltábao coma o máis
suxestivo e atraente dos dezaseis que compoñían o seu libro.
Outra
ruta, de maior duración e dificultade, pódese facer partindo de Fixó,
na freguesía de Millerada, atravesando os lugares de A Cabana, A
Trigueira, Portomartiño, Ameixedo (lugares pertencentes á comarca histórica,
hoxe no concello de Lalín), e Grobas, A Noveliza, Rochela, Vilaverde (xa
en Forcarei), rematando tamén no adro de Acibeiro. Esta ruta alberga
algúns espacios dignos de visitar con calma, coma o mesto bosque que
atopamos á beira do Ameixedo, unha devesa ubicada na umbría do monte
Coco, mirando ó Candán, e que ilustra o que debeu de sé-lo aspecto de
grande parte da zona de media montaña galega, é dicir, frondosidade,
vexetación tupida e unha enorme variedade de especies vexetais. En
poucos lugares se poderá, sen dúbida, atopar semellante mostra do
bosque autóctono galego, posto que o lume, a deforestación e a invasión
de especies alleas, entre outras causas, fixeron que só en zonas
illadas coma esta, case despoboada, cun alto grao de humidade e elevada
pendente, sobrevivise esta marabilla, cumio da evolución das formacións
vexetais de Galicia, na que aparecen carballos, castiñeiros, bidueiros,
acivros, sanguiños, ameneiros, ruscos, fentos e arandos, todos sobre
unha grosa capa de brión que cobre o chan do bosque. Tamén nesta ruta
podemos olla-los restos de dúas das neveiras (o comercio do xeo foi
unha das actividades máis rentables nos séculos XVI e XVII)
pertencentes ó mosteiro de Acibeiro, próximas ó cruce entre o camiño
que unía Fixó con Grobas e o Camiño Real que enlazaba o propio
mosteiro co Ribeiro ourensán a través do Paraño. Diversas zonas de
antigas explotacións mineiras e unha central hidráulica de principios
de século, na Trigueira, complementan e completan os atractivos de por
sí grandes deste sendeiro.
Cabe salientar, pois, a importancia natural, artística e
antropolóxica de calquera das rutas expostas, sen esquece-la premisa
que plasmabamos no principio deste apartado referente á riqueza e
densidade de atractivos visuais e culturais para calquera dos sendeiros
que se poidan improvisar en toda a Terra de Montes.
|