Interior do templo
de Santa María a Real de Aciveiro

O Lérez, río que
nace na cima do Candán (Aciveiro)

Inscrición
fundacional do mosteiro de Aciveiro
|
|
TERRA
DE MONTES
A comarca de Terra de Montes cobra entidade, coma a maioría das comarcas
tradicionais galegas, coa división territorial sueva: nos anos en que
gobernou o rei Teodomiro estableceríase a división comarcal e
parroquial (coñecida coma "Parochiale
Suevum" ou "Divisio
Theodomiri"). conforme a esta división, o territorio da actual
Galicia queda distribuido en trece sedes,
que á súa vez se dividen en dióceses,
practicamente semellantes ás actuais comarcas (mantidas pola igrexa
coma arciprestados) . Polo tanto a Terra de Montes comeza a existir como
bisbarra nese período, pero adquire verdadeira personalidade trala
creación do seu máis relevante fito histórico: o mosteiro de “Santa
María la Real de Acibeiro”, fundado no ano 1135. Tivo este
cenobio por orixe unha doazón (e os privilexios consecuentes) feita
polo rei Alfonso VII, quen, o mesmo ano da doazón sería coroado
“Imperator totus hispaniae” (Emperador de tódalas Españas), título
este que obedece, por outra parte, máis a un desexo da nobleza e do
clero galegos, que á propia realidade, segundo a opinión de gran parte
dos medievalistas. No mosteiro de Aciveiro e na súa zona de influencia
prodúcese unha interrelación de varios concellos que daría orixe, á
súa vez, a un dos núcleos de Galicia con máis puxanza e mobilidade
comercial e artesanal desde o século XII ata mediados do XX. Durante
trece séculos estivo constituida a comarca polos concellos de Forcarei,
Cerdedo e Beariz. A estes tres municipios, que aportaban a integridade
dos seus territorios, engadíanse as parroquias de San Lourenzo de
Sabucedo (A Estrada), Santiago de Morillas e San Isidro de Montes (Campo
Lameiro), Santa Ana da Barcia do Seixo (A Lama), Santiago de Caroi (Cotobade)
e Santa María de Zobra (Lalín). Para fixa-los límites da histórica
bisbarra podemos considerar coma punto máis septentrional as Mámoas de
Boi Morto, na parroquia forcaricense de Meavía,
preto do Coto do Espiño e do monte San Sebastián, xa na
parroquia estradense de Olives. Polo sur, o punto extremo estableceríao
o río Avia, no seu discorrer polas parroquias de Xirazga e Beariz. Ó
leste, os lugares de Portomartiño e a Portela da Fenteira, en
Lalín, constituirían o levante da Terra de Montes, e polo oeste
remataría a comarca na Ponte do Cabo e na Ponte dos Carballos, ámbalas
dúas ubicacións na freguesía de Santiago de Morillas (Campo Lameiro).
A Terra de Montes é o berce de cinco ríos: Lérez, Umia, Deza, Avia e
Verdugo. No momento actual (2000) a “Asociación
Terra de Montes”, conformada polos concellos de Forcarei, Cerdedo
e Beariz, así coma por diversos axentes sociais e económicos, tenta, a
través do programa “P.R.O.D.E.R. Terra de Montes”, o desenvolvemento da comarca no
ámbito alternativo do Turismo Rural, actividade para a que está
especialmente dotada, cun amplo abano de recursos de tipo
medioambiental, histórico-artístico e etnográfico.
|