Casa das Raposeiras, en Cerdedo,
da familia de Frei Martín Sarmiento

Escultura dedicada á memoria
dos "Gaiteiros de Soutelo", na praza do mesmo nome, en Soutelo
de Montes

Retrato do pintor Virxilio
Blanco Garrido no ano 1923

O pintor Xosé María Barreiro
saudando á raíña dona Sofía

O fotógrafo soutelán Virxilio
Viéitez, nunha imaxe dos anos 60, tomando o cargo de concelleiro
|
|
TERRA
DE ARTISTAS E HOMES DE LETRAS
Ademais da inxente cantidade de anónimos artesáns que deron
forma ás casas, muíños, cruceiros e pontes, cativos e enfeitizadores
demiurgos da pedra labrada nesta terra que chaman de canteiros,
inmortalizados no monumento ó Canteiro de Cerdedo, existe un nutrido e
notable elenco de artistas e homes de letras que tamén deixaron a súa
fonda pegada ó longo da historia de Montes. O pioneiro foi, sen dúbida,
o abade de Acibeiro, logo canonizado coma San Gonzalo das Penas, a quen
debémo-la creación da Escola de Teoloxía Moral de Acibeiro, no século
XV, a vella ponte románica de Andón, a primitiva Ponte do Crego, de Dúas
Igrexas e , sobre todo, a inquedanza cultural e formativa que trouxo
como consecuencia o feito de que a principios do século XX, Montes
estivese por debaixo do 2 % na taxa de analfabetismo, porcentaxe insólita
daquela nun marco non urbano.
O dezaoitesco Frai Martiño Sarmiento, con casa familiar en
Cerdedo, deixou unha obra recoñecida e valorada por todos cantos
autores o seguiron no ámbito da etimoloxía e da lingüística galega,
e mesmo afondou nas raíces do folclore e da etnografía do noso país,
sentando as bases para posteriores traballos de autores coma Fermín
Bouza Brey ou José Luis Pensado, entre outros moitos que o tiveron por
mestre fundamental en todas e cada unha das múltiples disciplinas ás
que este xenio se consagrou.
Dos tempos da imaxinería barroca galega quedan patentes as
presencias dos mestres talladores e canteiros na comarca a través das súas
obras. O retablo de Acibeiro atribúese case con toda certeza a Miguel
de Romay, o Ecce Homo de Cerdedo foi feito por Xosé Gambino, e aínda
maior é a presencia do mestre Cerviño, que deixou en Montes a torre da
igrexa de Beariz e mailo cruceiro de Xirazga, con excelente talla nas
figuras de Adán e Eva que se atopan na parte inferior do fuste.
Xa no século XX, estas altas terras serviron de inspiración a
poetas da talla de Xosé Roxelio Otero Espasandín e Benito Veloso
Prado, entre os coterráns, ou Noriega Varela e Amado Carballo, entre os
foráneos que atoparon aquí o seu nume. Amado Carballo, o creador do
“hilozoísmo” a quen Otero Espasandín prologou a súa obra póstuma
“O Galo”, viviu nas terras da Madalena os derradeiros anos da súa
vida, e alí se inspirou para compoñer esa obra fondamente lírica que
inclúe poemas coma “O arrieiro” e o fermoso “Canto de arada”,
que remataba: O
vento cego relouca / viudo de clocheles e árbores / no Casal de
Vilapouca.
Otero Espasandín canta nos seus poemas “ ó
Lerez, a Castrodiz, á flor do toxo, á gloria das labercas e á
brancura das neves de febreiro “, en suma, a unha natureza
montesía á que lle pide “ metro
e medio de chan pra cando morra “, mentres Benito Veloso Prado
orienta desde o exilio as súas composicións á sátira e ó sainete,
compoñendo “Sangre gorda”, “Un morto que fala” ou a letra do
pasodoble titulado “Viva Forcarei !” que foi estreado en 1924 no
Centro Galego de Buenos Aires.
Eran tempos tamén doutros dous grandes artistas da terra:
Avelino Cachafeiro, o celebérrimo Gaiteiro de Soutelo que, tendo detrás
o amor pola música que lle inculcaran o seu pai e o seu avó, e
seguindo o ronsel que trazara Diego de Cana, o primeiro gaiteiro do que
temos noticia en Terra de Montes (século XVI), soubo artellar, coma
polifacético artista que foi, unha obra fondamente enraizada na cultura
do pobo, a través dos seus sons, dos seus versos (“Voando cas aas da
vida”) e mesmo das súas pinturas e tallas en madeira, ata o extremo
de ser cualificado por homes da valía de Castelao ou Otero Pedrayo coma
arquetipo perfecto do artista popular e comprometido, e cerna da
inesgotable e sabedora cultura aldeá que Avelino atesouraba. A el, ó
seu pai e ós seus irmáns está dedicada a estatua que se ergue na
Praza do Gaiteiro, en Soutelo de Montes.
Virxilio Blanco, presqueirense de recoñecida fama entre a
vangarda pictórica do primeiro tercio de século, é outro deses homes
que fan grande unha terra. Del lembrábase o dezano Laxeiro cando
escribiu as súas memorias : “... nas clases do Plantel de
Enseñanza Concepción Arenal do Centro Galego da Habana coñecín, como
alumno, o que sería gran pintor e moi amigo meu Virxilio Blanco, que
era natural de Presqueiras, cerca de Forcarei. Traballaba de día na
tenda “El
Encanto” e de noite asistía ás clases de debuxo e pintura. Lembro
con que ledicia o fomos despedir ó peirao Luz, porque o Centro Galego,
como era tan bo alumno, concedéralle unha beca para perfeccionarse en
Europa”. Corrían os primeiros anos da década dos vinte cando
esto sucedía en Cuba. Á súa morte, acaecida a finais dos corenta,
Virxilio deixou abundantes mostras do seu enorme talento artístico,
algunhas delas no Museo de Pontevedra.
Nesa mesma década veu a luz en Loureiro (Forcarei) o outro
grande pintor de Montes, José María Barreiro Gómez, tamén gran amigo
de Laxeiro, con quen coincidiu a finais dos sesenta en Buenos Aires.
Pintor de liña vigorosa e virtuoso da cor, ten exposto a súa obra en
lugares tan diversos coma Chicago, Miami, Lisboa, Buenos Aires, Caracas,
Canadá, Francia ou Alemania. O seu é un expresionismo robusto (especie
de “fauve” galaico) que chega á harmonía, paradoxalmente, a través
da disonancia. Funda o denominado “Prismatismo”, que proclama o
enriquecemento expresionista do tema
por medio da descomposición de cores básicas. Na actualidade é
un dos máis cotizados pintores dentro do panorama da pintura galega.
Algunhas das súas obras pódense admirar na Casa do Concello de
Forcarei. É este un edificio de estilo funcional deseñado por un
artista recentemente galardoado co Premio Nacional de Arquitectura, César
Portela Fernández-Jardón, e poderiamos dicir que un dos poucos
exemplos de arquitectura de vangarda do século XX, xunto co abraiante
edificio que serviu de residencia en Soutelo de Montes ó empresario
Alfredo González Barros, dun estilo ecléctico pero de clara orientación
tardomodernista, sobre todo nos arcos e na cúpula. Tamén mostra
influencias do Art-déco nunha vidreira correspondente á porta de
entrada dun dos cuartos. Esta obra foi rematada no ano 1931 por Manuel
González Barros. Posúe tamén unha rarísima
condición, posto que os seus azulexos, tanto os exteriores coma os
interiores, foron feitos artesanalmente un a un, e son moi similares a
algúns dos que se pode atopar no coñecidísimo Parque Güell de Gaudí,
en Barcelona.
Merece ser destacado no eido das letras na segunda metade do século
o cronista Antonio Rodríguez Fraiz, xa falecido, que foi membro do
Insituto de Estudios Padre Sarmiento e cofundador do Museo do Pobo
Galego, pola súa labor de investigación sobre a Terra de Montes en
xeral e o mosteiro de Acibeiro en particular. Tamén merece homenaxe a
pluma de Manuel Cabada, natural de Sabucedo e catedrático de Filosofía,
autor dun magnífico traballo sobre a historia e antropoloxía da Rapa
das Bestas, festa declarada de Interese Turístico Nacional.
Autores dunha obra menos extensa, pero igualmente resaltable, son
Xosé Luis Barreiro Rivas, forcaricense que dedicou un concienzudo
estudio ó Camiño de Santiago, excelente comunicador e humanista, e Xosé
Manuel Rivas Troitiño, que remata de ver reeditada en facsímile a súa
biografía do Gaiteiro de Soutelo.
No eido da imaxe, dous autores pertencen xa á memoria colectiva:
os fotógrafos Manuel Barreiro, autor de belas estampas do Forcarei dos
anos corenta e cincuenta, que serán en breve motivo dunha exposición e
da publicación cultural do Concello de Forcarei “Cotaredo”, e o
soutelán Virxilio Viéitez, recoñecido xa á altura de fotógrafos
galegos coma Ksado, Pintos ou Manuel Ferrol, e que está a preparar
outra retrospectiva da súa obra, que tanto éxito acadou no pasado 1999
en Madrid, París ou Nova York.
Non fariamos xustiza se esqueceramos a outro forcaricense que
levou ó cinema galego á súa maioría de idade, Chano Piñeiro, o
autor da seminal e multipremiada curtametraxe “Mamasunción” e da
primeira longametraxe galega, “Sempre Xonxa”, cineasta que tirou
moitas secuencias da súa infancia vivida en Terra de Montes, escenas
que serviron para dar a coñecer ó mundo a especial personalidade desta
terra, chea de persoas que, coma el, tiveron e teñen unha especial
sensibilidade xurdida da vida sobria na natureza e da súa centenaria
cultura popular. O propio Chano dicía : “Eu
son un aldeán, para ben e para mal”. A súa memoria permanece
hoxe viva e intacta nesa xente de Montes á que el tanto defendía, e na
homenaxe do Instituto de Ensino Secundario, chamado, na súa lembranza
“I.E.S. Chano Piñeiro”.
|