"A Cassanova", unha
das casas de Turismo Rural de Forcarei

Lagoa Sagra, en Valadares,
Meavía

Casa "Florinda", en
Pedre, Cerdedo, outra das vivendas rehabilitadas para Turismo Rural.

Casa de Turismo Rural
"Zapatería do tío Ramiro", en Alvite, Beariz
|
|
TURISMO
RURAL: NATUREZA, DEPORTE E GASTRONOMÍA
Un dos principais atractivos do nacente sector turístico de
Montes ha estar baseado, por forza, no potencial natural, nun entorno
favorecido medioambientalmente pola presencia de varios espacios
protexidos: a zona que abrangue a Lagoa Sagra e mailos humedais ou brañas
de Xestoso, a Serra do Candán, na que destaca o val de Grobas, e unha
porción da Serra do Cando. A primeira zona foi motivo e
obxectivo dun ambicioso documental levado a bo termo polo naturalista
pontevedrés Federico de la Peña, redondeando e completando un traballo,
“O Latido da Braña”, que xa fora galardoado co premio “Casa das
Ciencias de Divulgación Científica” da Coruña no pasado 1996, na
que fora a primeira ocasión en que unha curtametraxe documental galega
recibía tal recompensa. A Lagoa Sagra é unha das escasas lagoas
naturais de montaña da provincia de Pontevedra, envolta en lendas
populares e mesmo obxecto de estudio polo etnógrafo Fermín Bouza Brey.
Ubícase preto do lugar de Valadares (Meavía), xusto no límite
setentrional da Terra de Montes, e cobra ademais interese arqueolóxico
por estar próxima a unha zona de enterramentos prehistóricos, as mámoas de Boimorto.
Mantén auga durante os invernos e primaveras chuviosas, e constitúe un
reducto de cría e vida da estronza (a rá de San Antonio – Hyla arbórea),
ademais da interesante presencia doutros anfibios e invertebrados acuáticos.
É visitada ocasionalmente por aves coma a Garza Real ou o Ánade Real e
algunhas aves limícolas de paso.
As serras do Candán e Cando presentan a paisaxe común de media
montaña (as cotas máis elevadas pouco sobrepasan os 1.000 metros) e
albergan vales e grobas de inusitado interese, coma a que podemos ver
entre Acibeiro e Millerada co propio topónimo de Grobas, onde quedan os
restos dun núcleo de poboación tradicional e incontaminado,
antigamente só comunicado por estreitos pasos de montaña e onde tamén
nace o río Grobas, afluente do Deza. Este pequeno reducto resulta dunha
insólita e agreste beleza.
Estes espacios complementan, mellor ca ningún outro factor, a
labor que se está a facer actualmente de recuperación de vivendas
tradicionais para seren dedicadas ó agroturismo ou turismo rural. Ás
casas que xa existen, Casa Yosa en Castrelo (Forcarei); Casa Florinda en
Pedre (Cerdedo) e a “Zapatería del tío Ramiro” en Alvite (Beariz),
vanse sumando outras en toda a Terra de
Montes, ademais da hospedería de turismo de tres estrelas que se empraza no mosteiro
cisterciense de Aciveiro, trala súa rehabilitación integral.
Así mesmo, estes interesantes e necesarios proxectos de restauración
de vivendas veranse tamén complementados por empresas vencelladas
directamente ó turismo rural que poden facilitar ó visitante a
práctica de rutas a cabalo (unha empresa e cada un dos concellos) e
iniciativas de sendeirismo (a ruta das "Pontes do Lérez" ou o
sendeiro natural circular en torno ó mosteiro de Aciveiro pola serra do
Candán).
Xa existe, por outro lado, unha oferta desde hai uns anos para a práctica
de parapente, na Escola Municipal de Parapente de Cerdedo, ubicada na
ladeira do Monte Seixo, que tamén dispon dun albergue de 8
prazas. Esta Escola foi a gañadora do premio á “mellor escola galega
de Parapente”, que concede a Federación Aeronáutica Galega.
A todo elo hai que unir unha gastronomía tradicional onde se poden
degustar pratos coma a carne richada, con festa de exaltación en
Forcarei o primeiro domingo de Nadal, a galiña ó sal, distintos
productos de caza e pesca ou a carne ó caldeiro, todos sabiamente
elaborados polos artesáns da cociña de Montes, e acompañados dun pan
que ten a súa bandeira no famoso pan de Soutelo, localidade que tamén
comezou no pasado 1999 a ofrecer a Festa do Cogumelo, que se celebra no
mes de novembro.
|