|
UN
POUCO DE HISTORIA, UN POUCO DE LENDA
Da pegada de prehistóricos poboadores falan na Terra de Montes
os centos de mámoas, castros e petroglifos ou insculturas rupestres, na
meirande parte por catalogar. Podemos citar os castros de Loureiro, en Dúas
Igrexas, con antecastro ben definido; o das Rodeiras de Garellas e o da
Mouteira de Fixó, en Millerada; os de Filloi e Muras, en Pereira; o de
Montes, en Presqueiras, sobre o cal erguería posteriormente Xelmírez a
Torre-fortaleza chamada do Castro; o de Sanguñedo, na Madanela, onde
foron atopadas machadiñas pulimentadas; os de Quireza, Castrodiz e
Vilariño, estes en Cerdedo, e os de Magros e Garfián, en Beariz. Todos
eles están hoxe ocultos pola vexetación. Destes castros de Montes atopamos unha
curiosa referencia na “Historia
de Galicia” de Benito
Vicetto, do ano 1865, onde o autor acode ó historiador Sobreira nunha
cita que di: “...he
llegado a sospechar otro género de orden, que es como un orden circular
alrededor de una comarca. A las faldas de la tierra de Soutelo de
Montes, veo que forman círculo los castros de Escuadro, Moalde, Castro,
Vite, Oca, Ancorados, el dicho Olivez, y últimamente el castro de Godoy
que también forma línea, con los castros que cubren el camino de
Soutelo de Montes a la Estrada y a Sanlés (Salnés);
de manera que todos dichos castros forman círculo, y el de Godoy que
está en Ribela, sobre el río y lugar de Godoy, cierra o termina el
dicho círculo, y forma una sección continuada por el dicho camino de
la Estrada ”. Finaliza Vicetto a cita aludindo a que “Debemos
advertir aquí que el país á que se refiere dicho P. Sobreira es uno
de aquéllos en que las memorias célticas están más vivas y son muy
abundantes”.
Unha das memorias ou lendas que aínda permanecen no acervo folclórico
da comarca é a da maldición do sangue, fermosa coma poucas, e que
relata o establecemento das primeiras poboacións en Montes. Narra que,
establecidos os poboadores dos castros nas Rías Baixas, comenzaron tamén
a colonizar terras cara ó interior. Daquela estábanse a orixinar
enfrontamentos entre os habitantes dos distintos castros, nos que se
producían roubos de gando e raptos de mulleres. Nun determinado momento
comenzaron a existir problemas debido a que algunhas mulleres, despois
de ter o primeiro fillo sen atrancos, presentaban anomalías no segundo
parto, morrendo o fillo ou nacendo con notables taras físicas. Naquel
tempo en que a superstición estaba por riba de posibles coñecementos médicos,
os poboadores dos castros non atoparon mellor solución para evitar esta
praga que o desterro das mulleres “ameigadas” e maila súa prole,
aproveitando a ocasión para expulsar tamén da comunidade ós homes máis
conflictivos. E precisamente o destino deste grupo de proscritos foi a
terra dos montes, onde, coidaban os “ortodoxos”, a esgrevia natureza
acabaría con eles. Pero velaí que a terra, máis comprensiva que os
homes, non só non acabou con eles, senon que lles proporcionou a
abondosa pesca dos seus ríos e a caza dos seus montes, converténdoos nunha
próspera comunidade que máis tarde descubriría tamén o agochado
tesouro das minas de metal que abundan na terra dos montes. Así, o que
nacera como un castigo, como unha maldición, rematou por se converter
nunha vida non ausente de traballos, pero tamén venturosa e fértil,
superando tódalas contrariedades iniciais. Sendo conscientes da tara
que os obrigara a abandonar as súas primeiras moradas e para evitar
problemas coa descendencia, estas novas comunidades montesas prohibiron,
nunha especie de “endogamia terapéutica”, os emparellamentos con
habitantes doutros lugares, e sempre que non se respectou esa prohibición
– segundo a lenda – o segundo fillo non chegaba a nacer ou facíao
con defectos, manifestándose dese xeito a vixencia daquela “maldición”.
Aquí finalizaría a lenda, pero enlazaría coa realidade dunha maneira
curiosa. Parece ser que aínda na actual Terra de Montes hai prevalencia,
sobre outras zonas, de habitantes con sangue RH negativo, e a ciencia
actual dinos que unha muller con sangue RH negativo casada cun varón de
RH positivo, pode ter sen dificultades o seu primeiro fillo, pero se
este ten o mesmo factor sanguíneo que o pai, xeraría anticorpos no
sangue materno que posteriormente impedirían o desenvolvemento normal dun segundo
fillo con RH positivo. Os poboadores dos castros non o sabían,
loxicamente, e o que para eles naceu como unha maldición, coverteuse
nun xeito de vivir especial e moi vencellado á natureza. Poucas veces
casa a lenda coa probabilidade científica tan ben coma neste caso.
Outra lenda saída dos castros é a da Loureiriña, unha fermosa
ninfa loira que baixou do castro de Loureiro para irse contemplar nas
cristalinas augas do Lérez, ó seu paso pola ponte do Crego. Ameigada
pola beleza da longa e vizosa carballeira pola que paseniñamente
discorre o río, a loira Loureiriña durmiuse pracidamente, para
espertar de tempo en tempo e aparecérselles ós camiñantes. Un día de
San Xoán, un garrido mozo parolou coa Loureiriña, e esta conduciuno
ata unha cova ateigada de ouro, que tiña a porta polo fío da auga. Alí
había trabes de ouro, potes, culleres, cuncas e pratos, todos de ouro.
Ata unha galiña de ouro que poñía ovos de ouro; pero tamén lle
contou ó mozo que tiña no seu dourado fogar unha entrada cunha trabe de
brea que queimaría a quen ousase achegarse a tal tesouro se a Loureiriña
quixer. Lenda similar a do caldeiro enterrado con moedas de ouro que o
cineasta forcaricense Chano Piñeiro incluiría na súa inmortal “Sempre
Xonxa”.
Lendas, crónicas e hipóteses históricas mestúranse sobre un
período, o da cultura castrexa, que non semella nada claro, e do que
sabemos, sen ter unha definición cronolóxica exacta, que deu comezo
tralo remate da Idade de Bronce. Comunmente vencéllanse os castros á
civilización céltica. Non só os profanos preguntan polos castros
celtas, senón que historiadores como Verea y Aguiar, Martínez Padín ou
o propio Benito Vicetto defenden a tese do celtismo histórico, mentres autores
como Pondal e Murguía, que apuntaba: “A
preponderancia da raza celta en Galicia é un feito evidente: de aí que
a poesía e a arte sexan doces, tristeiras e melancólicas”,
crearon o celtismo literario. Curiosamente, para todos estes autores,
como deixa reflectido Francisco Calo Lourido no seu capítulo
Prehistoria e Idade Antigua da “Historia
Xeral de Galicia”, eran celtas tamén as mámoas e todo canto
resto “antigo” non susceptible de encadrar nun período histórico,
atopaban polo territorio. Para Calo Lourido, como para outros autores, a
palabra celta non designa nin un pobo nin unha etnia, senón unha lingua
ou familia lingüística, mentres que os poboadores dos castros eran ágrafos:
non podemos coñecer, polo tanto, que tipo de lingua tiñan, e asegurar,
polo tanto, que fosen celtas. Non obstante, versións máis románticas,
idealistas ou lendarias atraen máis pola súa orixinalidade, didactismo
ou misterio á hora de seren escoitadas. O pobo galego foi sempre de
vizosa imaxinación para buscar as súas orixes, e onde a “historia”
di que os habitantes dos castros someteron ós poboadores precedentes
– os constructores dos megalitos –, nunca faltará quen diga que os
celtas (ou saefes, homes – cobra, así coñecidos polo seu culto ofiolátrico)
someteron ós oestrimnios. Son distintos xeitos de referírmonos á
mesma realidade, mesturando lendas, datos e crónicas.
Precisamente verbo dos constructores de megalitos, os homes que
poboaron estas terras aproximadamente desde o cuarto ó segundo milenio
antes de Cristo, tamén semella haber indicios de que existían
cuadrillas ambulantes de canteiros dedicados a erguer os monumentos,
cuadrillas de grandes especialistas do traballo da pedra, cualidade que
poderían ter herdado os poboadores dos castros. Mesmo poderiamos falar
dalgunha escola local ou mestre que espallaría determinados xeitos de
facer os monumentos megalíticos. É ata certo punto posible, pois, que
a sona dos canteiros da Terra de Montes teña as súas raíces nese
tempo. O profesor Fernando Cabeza Quiles, experto en toponimia, apunta
que o vocábulo “medorra” (unha das variantes do termo “mámoa”)
procedería da voz latina “meta” (elemento máis ou menos cónico).
Se temos en conta, por outra banda, que a Terra de Montes foi, na época
sueva, a “Montes meta”
pertencente á sede de Iria, na que habitaba o pobo dos Mettacios, non
estaría fóra de lugar conxecturar algún tipo de relación entre eses
canteiros – constructores de megalitos e a denominación posterior, á
que se aludía, da época sueva, como terra xa de bos profesionais da
cantería. Do que
non hai dúbida é da febril actividade destes artesáns, posto que na
Terra de Montes existen centos de emprazamentos nos que se asentan grupiños
de mámoas ou túmulos, entre os que destacan o Campo das Mámoas,
situado na parroquia de Castrelo, que Frai Martiño
Sarmiento nomea como “Monte das sete mámoas” na súa obra “Colección
de voces y frases gallegas”, de metade do século XVIII; a mámoa
de Boimorto, en Meavía; o grupo Outeiro da Vella e a mámoa do Mouro
Negro, ámbalas dúas en Pereira; mámoas da Serra e do Carrascal, na
Madanela; Pena da Cruz e Coto da Mámoa, en Millerada; Os Olleiros e
Porto Fieiro, en Aciveiro; Penide, en Dúas Igrexas; Mamoalba, en
Cerdedo; mámoas de Os Liñares e As Ventelas, en Lebozán; mámoas de
Garfián, en Beariz; mámoas de Santo Domingo e Portela da Cruz, en
Xirazga.
Mámoas e túmulos os anteriores analizados no estudio “La civilización neo-eneolítica gallega” de López Cuevillas e
Bouza Brey, no cal se pode ler : “...
a solución de continuidade entre aqueles grupos centrais (de mámoas)
e os das Rías Baixas énchese en certo modo cos que existen no partido
da Estrada, emprazados no chamado Campo das Tombas e en Matalobos, que
se prolongan por Forcarei, polos lugares de Aciveiro, Monte Olleiros,
Porto Fieiro e Campo da Serra, cara o Carballiño”. Bouza Brey
é tamén o autor dun artigo de 1940 no que analiza as insculturas
rupestres de Presqueiras.
Paradoxalmente, quedan menos restos da época romana, e mesmo
aqueles que quedan non son totalmente atribuíbles ou integramente
datables nese período histórico, por canto posteriores engadidos ou
xustaposicións invalidan unha total asignación ó mesmo. É este o
caso das primitivas pontes de Pedre e Parada, en Cerdedo, e a de
Ricobanca, en Beariz, sobre as que se construíron as que hoxe perviven,
de época medieval, ou os vestixios dunha vía secundaria na zona de
Meavía. Atopáronse restos de minería romana superficial nos
xacementos denominados Capela do Santo e Xesteira de riba dos Prados (Millerada)
e Entrerríos (Dúas Igrexas). Un achado atribuíble con toda certeza á
época é o de dous urcéolos procedentes da parroquia da Madanela, que
hoxe se poden contemplar no Museo de Pontevedra, e nun dos cales aparece
a inscrición epigráfica AQUILI / DLT, que para o lingüista Elixio
Rivas derivaría do latino “aquila” (aguia). A toponimia deixa tamén
ver esa pervivencia da Romanización en casos como os de Quintillán (de
Quintilianus), Chamosa (de Flamma – chama), Leboso (de Lepus-oris,
abundancial de “lebre”), Morgade (do latino Maurus / maurecatus no
Medievo), Cerdedo (de Cerasus, Cerasetum, “cerdeira”), ou Candán,
que proviría dunha das advocacións do deus Xúpiter, Iovi Candamio, na
que o tema oronímico alternante Can-d / Can-t, significa “rocha” e
derivaría dun étimo xa prerromano. Precisamente na cima do Candán aínda
se poden ollar os restos da ermida medieval de San Bieito, que segundo
algúns autores, sería construída sobre unha ara pagana consagrada ó
deus epónimo. Todas estas hipóteses etimolóxicas proceden da obra “Onomástica
persoal do Noroeste Hispano”, de
Elixio Rivas .
Entramos no Medievo da man dos Suevos. A monarquía sueva, e
concretamente o rei Teodomiro, é quen, no Parochiale Suevum (que tamén
pasaría á historia como Divisio Theodomiri, aínda que, segundo o
historiador Pierre David, sería redactado entre os anos 572 e 592, é
dicir, xa no reinado do seu sucesor Miro) establece a distribución
xeográfica que dá lugar ás tradicionais comarcas (naquel entón dióceses).
A igrexa medieval mantivo esas comarcas na súa organización
territorial co nome de arciprestados. Un deles supuxo a orixe da Terra
de Montes como a comarca que hoxe coñecemos, e que no prólogo desta guía
se desenvolve máis polo miúdo. A denominación da época era Montes
Meta, sufragánea da sede de Iria xunto con outras terras como
Saliniense (Salnés), Morania (Moraña), Celenos (Caldas), Tabeirolos
(Estrada) ou Mertia (Merza), e os seus habitantes eran coñecidos polo
nome de Mettacios. Estes dividiríanse en dous grandes grupos, os
montanos, na parte setentrional, que albergarían no seu seo ós
poboadores máis antigos, os umianos (vencellados ó río Umia), e os
poboadores do sur de Montes, bañado polo río dos mil nomes: Laeros,
Leros, Lerice... o Lérez, e mailo Avia. Nesta zona meridional existirían
ricas minas de metal (precisamente co “metallum” latino fai
conxecturas o autor estradense José Sanmartín como posible orixe
etimolóxica do nome Mettacios). É moi probable que nese período teña
lugar, ademais, a cristianización da comarca, baixo a longa influencia
de Martiño de Dumio e a asimilación das concepcións romano-bizantinas
por el aportadas.
A pesar de que, como nos indica Rodríguez Fraiz, a Terra de
Montes estaba no século VII en poder das igrexas, dos señores e do rei,
non parece enfeudada a ningunha destas institucións ata o ano 874, no
que o rei Alfonso III a doa efectivamente á sede de Iria.
Posteriormente, considerando a vulnerabilidade de Iria ante unha posible
invasión naval (eran frecuentes entón as incursións de normandos e
piratas sarracenos) a sede trasládase a Compostela, aínda que non sería
ata o XII, concretamente no ano 1101, cando esta se promocionaría á
categoría arcebispal. E tampouco Montes pasará á plena posesión e
absoluto señorío ata ese século, a través de sucesivas doazóns e
privilexios outorgados pola raíña dona Urraca, entre os anos 1112 e
1115, ó arcebispo Xelmírez. Será este quen ordene erguer a
Torre-fortaleza do Castro de Montes, da que hoxe só se conserva a
capela, e na que residirían os xuíces-meriños, detentadores do poder
señorial da Mitra e da Coroa. No ano 1135, a raíz da proclamación do
rei “galego” Alfonso VII como emperador (Adefonsus dei gratia
hispaniarum imperator), e mercé ás súas propias doazóns e
privilexios, comeza a construcción do mosteiro de Aciveiro, fito de
trascendencia notabilísima na historia da Terra de Montes. Semella
factible que, efectivamente, a creación do mosteiro se debese á
piedade e munificencia do gran amigo de San Bernardo, o citado emperador
Alfonso VII, que fora criado, educado e coroado rei en Galicia polo
arcebispo Xelmírez, baixo a protección do nobre magnate don Pedro Fernández
de Traba, con quen Xelmírez buscou entendemento para xerar
a operación
que cristalizaría precisamente coa coroación de Alfonso como rei de
Galicia na catedral de Santiago, e que levaría ó clero e mais á
nobreza galaica ás máis altas cotas de poder da época.
Non sabemos con certeza se os doce monxes ós que alude a
inscrición fundacional da parede sur do templo aciveirense serían
orixinarios de Claraval ou procederían dalgún outro mosteiro
benedictino ou cluniacense. Tamén hai discordancia, segundo os
diferentes autores, na data en que Aciveiro pasaría á orde do Císter.
Mentres hai quen postula, como Carro García, esa transición no ano
1170, Torres Balbás adiántaa a 1162 na súa obra “Monasterios Cistercienses de Galicia”.
No ano 1188 temos constancia do primeiro xuíz-meriño da
fortaleza do Castro de Montes. Este era don Suero Froilaz, neto de don
Pedro Froilaz, da casa de Traba, constituíndo este feito outro testemuño
do aludido entendemento entre esta nobre casa e Xelmírez, xa que foi o
arcebispo quen nomeou para o cargo de xuíz-meriño a Suero Froilaz. Cónstanos
esto pola referencia que se fai nun documento de confirmación á igrexa
de Santiago dos bens, privilexios e exencións concedidos polo rei
Fernando II, que é expedido en Zamora o 4 de maio de 1188 por don
Alfonso VIII. Existe en torno a este rei unha dobre confusión: mentres
pola historiografía española en xeral é falsamente computado como
Alfonso IX, o historiador local Antonio Rodríguez Fraiz alude a el como
Alfonso VII na súa obra “Torre-fortaleza
do Castro y Jueces-merinos”, cando este último non podería nunca
ser o protagonista desa sinatura, xa que nese ano cumpríanse 31 da súa
morte, acaecida en 1157.
A partir deste momento, o enfrontamento entre o mosteiro de
Aciveiro e os xuíces-meriños da Torre vai ser constante na historia da
comarca, defendendo cadaquén os seus privilexios, rentas e foros.
Sabemos que no ano 1202, o rei Alfonso VIII exime de toda clase de
tributos ós vasalos e colonos do mosteiro.
No século seguinte, a disputa entre a alta nobreza galega
partidaria do rei Pedro I por un lado, e o señorío eclesiástico e
mailas casas menores da nobreza por outro, deron lugar a continuos
episodios de violencia, entre os que cabe salientar o asasinato , en
1366, do arcebispo de Santiago don Suero Gómez de Toledo. O seu asasino,
don Fernán Pérez de Deza-Churruchao, protexido polo rei, será
acubillado na Torre-fortaleza do Castro de Montes, onde el mesmo desempeñará
anos máis tarde o cargo de xuíz-meriño.
Ó longo do mesmo século orixinouse toda unha sucesión de
preitos pola posesión das torres de Montes e da Barreira (esta no
concello da Estrada), entre o arcebispo de Santiago e o conde de
Trastámara,
don Pedro Enríquez, neto do rei Alfonso XI. Fallouse o primeiro dos
preitos a favor do arcebispo. Anos máis tarde, o mesmo conde tenta de
novo arrebatar a torre do Castro ó arcebispo Moscoso, co beneplácito
do rei Enrique II, pero o home que sucede a Moscoso na cadeira
episcopal, don Juan García Manrique, entabla de novo preito e tamén
estoutro é resolto a favor da diócese. A porfía de Pedro Enríquez é
vencida finalmente nun terceiro preito en Medina del Campo, nos meses de
novembro e decembro de 1388, no que os xuíces pronuncian: “Alvidriando mandamos, et mandando
declaramos el dicho conde nunca aver avido ni aver derecho alguno en la
casa fuerte de la Barrera et en la tierra de Tabeirós et en toda la
otra tierra de Castro de Montes et en la tierra de montes et en la otra
tierra que a la dicha casa de Castro de Montes pertenesce o pertenescer
debe en cualquier manera, antes fallamos que son et pertenescen las
dichas casas con las dichas tierras et con todas sus pertenencias a la
Eglesia de Santiago et a vos el dcho. Arçobispo...”.
A mediados do século seguinte ten lugar a Guerra Irmandiña.
Semella moi probable o ano de 1466 polo que respecta á destrucción da
Torre-fortaleza do Castro de Montes. Partiría a acción da Irmandade de
Pontevedra. Segundo Couselo Bouzas, autor de “La
Guerra Hermandina”, obra de 1926, despois de derrocar a propia
fortaleza da capital, “...
la Hermandad se dirigió a
Tanoiro (Tenorio), y derrocó la fortaleza, que era de Perálvarez de
Sotomayor; luego se desdobló y una parte marchó a derrocar la de
Castro de Montes, de la Iglesia de Santiago; y la otra a Peña-Flor, de
Bermúdez de Castro...”. Non temos, sen embargo, constancia de
quen serían os delegados ou alcaldes de Montes que formarían parte da
Irmandade, como tampouco sabemos dos procuradores nin dos
“cuadrilleiros” que portarían as “varas de irmandade” (o símbolo
externo da súa función) no asalto á torre-fortaleza. Esta sería
reedificada tralo fracaso da revolta Irmandiña, pero nunca volvería
reunir as mesmas condicións de habitabilidade, polo que nos primeiros
anos do século XVII, sendo xuíz-meriño don Pedro de las Landeras, e
por expresa orde do arcebispo Sanclemente, o mestre canteiro aciveirense
Xoán de la Fuente comezaría a construcción da nova casa-torre
arcebispal no lugar máis céntrico da comarca, Soutelo, que desde entón
recibe a denominación de Soutelo de Montes. Posuía esa torre vivenda
do xuíz, sala de xustiza, arquivo, cárcere e campo da picota, onde
eran axustizados os reos. Localizábase na entrada do que hoxe se coñece
como Aldea de Riba e, con posterioridade á abolición das xurisdiccións
especiais, sería utilizada como Casa Consistorial cando se creou o
Concello de Forcarei.
Nos comezos do século XVII, segundo as memorias do arcebispo
don Gerónimo del Hoyo, a poboación de Montes sería de 4.117
habitantes. A mediados do mesmo século tivo lugar o máis grave dos
incendios que afectaron ó mosteiro de Aciveiro. Domingo Blanco, cociñeiro
do propio cenobio, prende un lume que destruiría case toda a ala oeste,
a coñecida coma ala da Hospedería.
En torno a 1697 reconstrúese o primitivo templo de Forcarei, e
90 anos despois edificaríase o actual.
Entre 1748 e 1769 vaise producindo o trasvase da comarca de
Montes da provincia de Santiago á de Pontevedra.
En 1797 Montes medra a 11.700 habitantes, é dicir, case triplica
a poboación no transcurso dos séculos XVII e XVIII.
Durante a invasión francesa, xa a comenzos de 1809 os veciños
de Montes, armados e capitaneados polo que sería derradeiro dos xuíces
– meriños e primeiro Alcalde de Forcarei, don Alonso de Soto Cortés
e Varela Vahamonde, fustrigan ás tropas de Napoleón trala violencia e
o asañamento empregados por estas contra persoas e bens (de novo
incendian o mosteiro de Aciveiro, e da biblioteca cenobial só se salva
o denominado Tumbo Grande, levado ó pazo de Hermosende, residencia de
don Alonso, onde tamén dá fe dos litixios un sable incautado ós
franceses). Por Aciveiro pasa tamén ese ano o celebérrimo guerrilleiro
“Cachamuíña” á fronte dun grupo de seiscentos homes. O invasor
vingarase das incursións de castigo dos guerrilleiros con actos de
barbarie contra a poboación. Entre o 20 e o 30 de abril asasinan a máis
de douscentos campesiños no adro da igrexa de Forcarei.
No ano 1811 é nomeado Alcalde de Dúas Igrexas Juan Varela
Varela, mestre de cantería. Ese mesmo ano liquídanse 87 señoríos en
Soutelo de Montes, lugar no que será nomeado Alcalde do Concello de
Soutelo-Pardesoa Manuel Seara, de 1816 a 1820. Os dous concellos, Dúas
Igrexas e Soutelo-Pardesoa, refundiríanse no ano 1833, dando orixe ó
actual de Forcarei. En 1835, coas leis de Mendizábal, comenza a
desamortización dos bens e, por conseguinte, a lenta agonía do
mosteiro de Aciveiro.
A repercusión das Guerras Carlistas do XIX non foi moi elevada,
agás algunhas incursións de Guillade por terras de Soutelo, Pardesoa e
Presqueiras, ou do famoso Moreno, apreixado persoalmente polo Alcalde de
Beariz, así como unha actitude favorable á revolución por parte de
Cerdedo e Forcarei no levantamento de Solís e Faraldo, en 1846, que
duraría a penas 10 días do mes de abril e que tería como
protagonistas ó comandante revolucionario Benito Couto e ó brigadier
Rubín. Na terceira Guerra Carlista houbo unha exigua participación na
facción constituída en Silleda por Joaquín Redondo, que contou coa
colaboración dalgúns estudiantes e clérigos, entre os que se atopaba
o abade de Aciveiro.
No século XX, cómpre salientar a actividade social de Alfredo
Iglesias Álvarez, natural de Presqueiras, que xa no ano 1901 funda a
“Sociedade Agraria e Gandeira” de Montes, pioneira na provincia de
Pontevedra do asociacionismo e da loita obreira. En 1913 esta sociedade,
representante de Forcarei e Cerdedo, fedérase coas da Estrada e Silleda,
e no 1917 o propio Alfredo Iglesias sería artífice da creación da
nova “Sociedade de Obreiros e Campesiños de Presqueiras”. O órgano
activo de divulgación destas primeiras sociedades era o xornal “Acción
Social”, que sería silenciado posteriormente pola censura durante
a dictadura do xeneral Primo de Rivera. Esta publicación, xunto con
“Umia y Lérez” e máis tarde “Alborear”,
revista quincenal literaria e independente promovida polo pintor
Virxilio Blanco e o mestre Caldera Manzano, dan idea da mobilidade
social e cultural de Montes no primeiro tercio de século.
Alfredo Iglesias, así como o silledense deputado en cortes
Alonso Ríos, o célebre “Siñor Afranio” que se escondía en
Forcarei, serían perseguidos na nosa terra polos falanxistas nos anos
da Guerra Civil. Pola outra banda, o asasinato do mestre e falanxista
José Couceiro e maila súa dona no ano 1949, en Soutelo de Montes,
atribuído á banda de Foucellas, pon o contrapunto tráxico ó
enfrontamento fratricida en Montes na primeira metade do século.
En 1955 o concello de Beariz, que xa deixara de pertencer á
bisbarra no plano administrativo e político, resulta tamén segregado
do arciprestado de Montes por decisión persoal do cardeal Quiroga
Palacios, co que se creba definitivamente a unidade comarcal, aínda que
os lazos que vencellan os tres concellos de Montes seguen a existir, por
riba mesmo da división provincial, o que nos dá a medida da forte
personalidade e implantación que a comarca tradicional, aquela Montes
meta sueva, segue a ter.
|
|

Murallas do Castro de Loureiro

Inscultura
rupestre acutiforme en Presqueiras

Vista
interior do mosteiro de Aciveiro,
antes
da súa rehabilitación

Ponte
románica de Parada (Cerdedo)

Emigrantes
de Beariz nos anos 20

Inscrición
fundacional de Aciveiro (1135)

Músicos
tradicionais nunha romaría diante da Torre de Alarma da Barciela (Castrelo)

Malla
nunha eira de Sorribas (Forcarei) 
Campanario
de Beariz, obra do mestre Cerviño 
Ponte
románica de Pedre (Cerdedo) 
Claustro
cenobial de Aciveiro antes da súa restauración 
Antiga
casa Consistorial de Forcarei 
Vella
escola, hoxe desaparecida, de Forcarei 
Antiga
praza da igrexa, de Forcarei 
Libro
de Antonio Rodríguez Fraiz sobre os canteiros de Montes |