|

A
obra máis relevante do cronista Antonio Rodríguez Fraiz, "El
Monasterio de Acibeiro", publicada en 1973

O
catálogo de canteiros que don Antonio publicou no ano 1982

Libro
sobre Castelao na memoria doutros escritores, obra de Rodríguez Fraiz

Publicación
sobre as "PONTES DO LÉREZ", obra en colaboración con
Agustín Portela Paz
|
|
Antonio Rodríguez Fraiz
Este
home de letras, ordenado sacerdote en plena guerra civil, foi membro do
Instituto Padre Sarmiento (sección de Xeografía e Historia);cofundador
do Museo do Pobo Galego e do seu Patronato; membro do Pedrón de Ouro;
membro, así mesmo, da Comisión Diocesana de Arte da Arquidiócese de
Santiago e Cronista Oficial da Terra de Montes, faceta esta última que
desenvolveremos aquí. O primeiro contacto da súa obra de investigación
histórica con Forcarei e coa Terra de Montes é unha separata da
revista COMPOSTELLANUM titulada TIERRA DE MONTES - TORRE FORTALEZA DO
CASTRO Y JUECES MERINOS, que lle valeu, no ano 1971 un premio do
Instituto de Estudios Jacobeos de Santiago, e na que de xeito minucioso
percorre a historia da torre fortaleza do castro erguida por Xelmírez e
derrubada pola revolta irmandiña no derradeiro tercio do séculoXV, así
coma a serie de 55 xuíces-meriños que se sucederon ata a fin das
xurisdiccións especiais, deixando constancia dos feitos máis
relevantes que ocorreron en cada un dos períodos de mandato destes
delegados da mitra e da coroa en Terra de Montes.
Sen dúbida a obra clave da súa investigación polo que atinxe á Terra
de Montes é EL MONASTERIO DE ACIBEIRO, empresa de traballosa
investigación sobre a historia do cardinal monumento e fito histórico-artístico
da nosa comarca, unha obra que viu a luz no ano 1973, coeditada polo
Museo de Pontevedra e maila asociación "Amigos do Mosteiro de
Santa María a Real de Aciveiro e Terra de Montes", e na que se nos
conta, con abundante documentación de apoio, a propia historia do
mosteiro de Aciveiro e as pegadas da súa trascendental influencia en
Terra de Montes. Está prolixamente arroupada con fotos de Sinsán,
Manuel Barreiro, Virxilio Viéitez e do propio autor, e ilustracións de
Castelao, Agustín Portela, Luís Darriba, Rosales Ardá e Rafael
Iglesias. Trata na obra tódolos eidos que tiveron relación co cenobio,
desde a economía á literatura, pasando pola historia cotiá e pola
sucesión de abades que estiveron á súa fronte, sen deixar recanto por
escudriñar na procura de datos que nos debuxen unha clara idea do que o
mosteiro de Santa María a Real de Aciveiro significou desde a súa
fundación no ano 1135 ata o ano 1835, no que se produciu a
desamortización de Mendizábal. Supón, polo tanto, unha obra de
investigación de capital relevancia para indagar na identidade da nosa
bisbarra e mesmo na da Galicia da Idade Media e Moderna.
Outro bo exemplo do quefacer de cronista de Rodríguez Fraiz é unha
pequena lembranza do artista presqueirense Virxilio Blanco Garrido,
dedicada a glosar a homenaxe que unha serie de artistas, poetas,
xornalistas e amigos consagrou ó pintor o día 21 dexuño de 1.975, no
27° cabodano do seu falecemento. Nesta homenaxe e na plasmación que
dela fai Rodríguez Fraiz queda patente a fonda admiración que o noso
artista causaba en homes coma Colmeiro, Laxeiro, Pesqueira, Maside, M.
Torres e Agustín Portela, colaborando estes con fermosos e orixinais
debuxos que contribúen a dar a esta lembranza unha suxestiva presentación
e unha profunda riqueza de sentimentos.
Proseguindo cronoloxicamente a obra consagrada á Terra de Montes,
realizaría no nadal de 1982 quizais a obra que mellor reflicte o afecto
que sentía pola comarca e polas súas xentes o noso cronista: unha
exhaustiva guía dos CANTEIROS E ARTISTAS DE TERRA DE MONTES E RIBEIRAS
DO LÉREZ. Fálanos aquí de personaxes representativos dunhas épocas
nas que os oficios artesanais e artísticos eran a herdanza máis
patente do que representou ó longo de setecentos anos o mosteiro de
Aciveiro. Son salientables Xosé Barreiro, cereiro e borreiro que chegou
a rexentar o mellor obradoiro de cera de Terra de Montes, no século
XVIII; Xosé Barreiro Gómez, o pintor de Loureiro, un dos máis
cotizados na actualidade de toda a arte galega contemporánea, que
realizou a primeira portada da revista COTAREDO; Manuel Barreiro Ouro,
outro dos colaboradores da revista, fotógrafo, reloxeiro, canteiro e músico;
o propio Virxilio Garrido, do que falamos na súa lembranza; o canteiro
Xosé Bugallo, que no século XVIII foi mestre nas obras da igrexa de
Quintanilla de Somoza (Astorga); os gaiteiros de Soutelo, sobre todo
Avelino Cachafeiro, de quen celebramos o Centenario do seu nacemento no
ano 1999, pero tamén Fermín, Castor e Bautista Cachafeiro, e mesmoo avó
de Avelino, Xoán, quen deixou xa mostras da súa arte musical no
primeiro tercio do século XIX; Diego de Cana, de Pardesoa, o primeiro
gaiteiro do que temos noticia na Terra de Montes (nado no primeiro
tercio do século XVI); Xosé Couceiro Blanco, canteiro presqueirense
que morreu traballando nunhas obras de restauración da catedral de León
cando só contaba con 24 anos; Manuel Doval Cadavid, escultor de
Millerada, autor da bela imaxe do corazón de María que se pode ver no
cemiterio da igrexa parroquial; Xoán de la Fuente, canteiro aciveirense
que no século XVI traballou na feitura do claustro das Procesións do
mosteiro; Pedro Gutiérrez, mestre asentador de Castrelo que traballou
na construcción do actual templo de Forcarei; Alfredo Iglesias Álvarez,
mestre de cantería, presidente da "Sociedad Agraria y Ganadera de
Forcarei"e loitador social; Miguel de Romay Alonso e Alfonsín,
escultor de Dúas Igrexas (segundo Bouza Brey era fillo do abade don
Antonio Pereira de Romay e Xunqueiras) que realizou o retablo que
podemos admirar no templo do mosteiro de Aciveiro; Caitán Soto, mestre
de escultura e cantería de Berrozo (Millerada), autor do cruceiro do
Pazo de Hermosende, na mesma parroquia; Simón Taboada Troitiño, mestre
de arquitectura nado na Madalena a mediados do século XVII, que
traballou na catedral de Tui ou Manuel Villaverde, compositor nado en
Aciveiro a principios do século XX, fundador e director dunha das
mellores orquestras bonaerenses, a "Atlantia Jazz Band", e
autor dun pasodoble titulado "Viva Forcarei", ó que puxo
letra o poeta Benito Veloso.
A derradeira obra dedicada á Terra de Montes, AS PONTES DO LÉREZ,
editada pola Xunta de Galicia, foi escrita por Antonio Rodríguez Fraiz
no ano 1987, profusa e fermosamente ilustrada polo artista Agustín
Portela Paz. Nela os autores plasman o itinerario que, nacendo co río Lérez,
van formando as pontiñas, pontellas, poldras, pontillóns e pontes que
as mans dos canteiros foron trazando no curso do río, desde a Pontiña
Vella da Noveliza, preto do nacemento e do cume do Candán, ata a Ponte
da Barca, en Pontevedra, nun traxecto de 40 pontes, das cales 23 atópanse
no concello de Forcarei. É untraballo de homenaxe ó río Lérez, ás súas
pontes, ó folclore que existe en torno a elas, e tamén ós canteiros
que as encetaron, e del saiu o actual SENDEIRO DAS PONTES DO LÉREZ, que
se extende desde Pedre, no veciño concello de Cerdedo, ata o nacemento
do Lérez, na serra do Candán, e que é percorrido cada vez por máis
xente. No 2004 foi arranxado e novamente sinalizado pola Consellería de
Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Esto axudou a darlle máis proxección
e na actualidade atrae a novos grupos de sendeiristas ó río dos mil
nomes, como denominaba Frai Martín Sarmiento ó noso Lérez. Todo esto
é parte do labor investigador do que fora cronista de Terra de Montes,
labor que se extende tamén a outros fitos de fóra da bisbarra, e que,
conxuntamente co que rematamos de reseñar, valeulle ser recoñecido
numerosas veces no mundo da cultura galega. No ano 1998, o Concello de
Forcarei e maila fundación Pedrón de Ouro, dedicáronlle unha xornada
de homenaxe e a apertura dunha rúa co seu nome no núcleo de Forcarei.
|
|