|

Fermín
Cachafeiro, pai de Avelino e membro dos "Gaiteiros de Soutelo"

Foto
familiar do ano 1915, onde aparecen os pais e catro dos irmáns
Cachafeiro

Os
Gaiteiros de Soutelo, Avelino, Castor, Bautista e Fermín, en 1919

Biografía
de Avelino, de X.M. Rivas Troitiño, autor tamén desta colaboración
(edición facsímile do Concello de Forcarei)

Avelino
coa súa dona, Xosefa Cortizo

Avelino
con seu sobriño Maduro, diante da primeira bomba de gasolina da Terra
de Montes

Caricatura
de Avelino realizada por Castelao

Libro
de poemas de Avelino, do ano 1969, prologado por Don Ramón Otero
Pedrayo e coa portada de Lugrís.
|
|
Avelino Cachafeiro
Transcrición
da colaboración de x.m. rivas troitiño (biógrafo de Avelino) para a revista cotaredo no
centenario do gaiteiro
-Entón, ¿vosé son bermellos?,
preguntoulle un policía no porto de Lisboa ó máis mozo dos Gaiteiros
de Soutelo cando viñan de Europa para á casa, mentres España estaba
en loita civil. -Non señor, nós sómoslle de Soutelo de Montes.
Esta é a faciana que máis nos cómpre suliñar de Avelino Cachafeiro
Bugallo, proclamado o millor gaiteiro de Galicia no ano 1924, nun
concurso do que Castelao foi testemuño. Porque Avelino, ó fundar o
grupo con seu pai e seu irmán Castor, escolleu o nome de Gaiteiros de
Soutelo. Renunciou, dalgún xeito, á súa identidade para adoutar a da
súa bisbarra.
Agora, 100 anos despois do nascimento de Avelino, unha das figuras
egrexias da nosa terra, debemos lembrar non somentes ó gaiteiro que
levou a súa arte ata
América, senón tamén ó empresario e ó poeta. Da súa faciana de
gaiteiro, convén suliñar que ademais de intérprete de escepción,
adicouse a recoller o folclore da terra e a compor. A Muiñeira de
Chantada é un exempro desa recuperación. Hoxe resulta
gratificadoiro falar dun artista da gaita. Avelino soñaba con que a
gaita chegara á Universidade. Pero con toda probabilidade nunca poido
maxinar que na aldea global na que nos toca vivir, a gaita chegara a ser
instrumento tan recoñecido e de masas como conqueriron Carlos Núñez,
Susana Seivane, José Luis Hevia...
Para ser xustos, o Gaiteiro de Soutelo tivo case tanta sona no seu
tempo, non somentes en Galicia, senón en América, onde actuou
triunfalmente no teatro Avenida de Bos Aires, posiblemente o esceario
máis rechamante daquela. Pero coido que somentes dentro do mundo galego.
Hoxe, e esa é unha das grandes diferencias, o soar da gaita soia ou en
mesturanza con outros diferentes sons e ritmos pertence e interesa ó
mundo enteiro, é un fenómeno de masas, non soio dos galegos.
Avelino naceu o 26 de maio do 1899, un ano despois da data que siñalo
na miña biografía del *. Non lembro agora de onde tomei a data do 98,
que en calquera caso non é a correcta, senón a que figura na partida
de bautismo. Naceu ás once da mañá, quinto fillo de Fermín
Cachafeiro Balado, gaiteiro, e de Dolores Bugallo Paz. Os seus ancestros
eran todos da Terra de Montes, de Sanguñedo pola banda do pai, e de
Dúas Igrexas e Forcarei pola da nai.
O ensino musical debeu ser cousa de familia. Seu avó Xoán Cachafeiro,
gaiteiro, seu pai, tamén. Segundo Sabela, irmá seguinte de Avelino, á
que seguirían Bautista e Víctor Castor, o noso gaiteiro empezou a
afizoarse á gaita polos doce anos. Do avó aprendera o rudimentario da
técnica, e o demais foino coñecendo ás agachadas. Os montes de
Soutelo, escribín na biografía, foron o conservatorio onde se formou o
que sería virtuoso da gaita, o lugar onde comezou o diálogo entre
instrumento e intérprete.
Cando o pai de Avelino, que cobraba seis pesetas por tocar nas festas,
foi conscente da arte do fillo, regaloulle as gaitas e adicouse a tocar o
bombo. Por se a gaita non ía ser abondo fonte de ingresos, Avelino
tamén aprendeu o oficio de ferreiro en Carballás.
Ó remate da I Guerra Mundial nasce o grupo "Gaiteiros de Soutelo",
do que Avelino sería o símbolo e o artista simpar, direitor e
compositor. Gaiteiro sería tamén o irmán Castor. Bautista, outro
irmán, cantaba de tenor e tocaba a caixa, mentres o pai se facía cargo
do bombo e cantaba ou bailaba. Andrea, tía dos rapaces, acompañábaos
co pandeiro. Case coma na cantiga popular:
O gaiteiro toca a gaita,
a
muller toca o tambor,
os
fillos tocan o bombo
o
can ládralle o roncón
A sona do grupo empezou a medrar, e tiveron a sorte de que un
"mecenas" lles regalase un vello Ford para poder atender todas
as chamadas nuns tempos en que caseque todos os municipios tiñan
gaiteiro titular. Pero os de Soutelo seica eran moi bos, e para unha
festa ó ano ben se podía botar a casa pola fiestra. A verdade é
que eles sabían aledar as festas: eran todo un show.
Unha circunstancia que poido mermar non somentes a arte senón a vida de
Avelino resolveuse ó seu favor, xa que, á hora do servicio militar, en vez de tocarlle para Africa
ficou excedente de cupo, tres meses despois de ser enviado ó Reximento
de Infantería de Ferrol. De seguida foi nomeado gaiteiro da Sociedade
Artística de Pontevedra. E por toda Galicia un nome empezaba a soar: o
gaiteiro de Soutelo que, dende alí, tivo a oportunidade de saltar á
fama. Estamos no 1924. Santiago, a capital dunha Galicia que tentaba
suliñar a súa diferencia, convoca no mes do Apóstol un concurso para
nomear ó millor gaiteiro de Galicia. Primeiro celébrase un literario,
ó que acoden xentes coma Otero Pedrayo, Vicente Risco, Gómez Barros,
Filgueira Valverde... e que gana Eladio Rodríguez González, cun poema
que repetía "Todo o campo é unha oración".
O día 28 había de empezar o concurso de gaitas, ás seis da serán na
praza dos Literatos ou da Quintana, como tamén se chama. Chovía. En
Santiago había nove gaiteiros polos premios. Avelino tiña fama. Era
outo, ben posto, elegante, falador e moi artista, sobre todo co seu
traxe enxebre, calzón curto, roxa monteira e chaleque broslado.
Para esta ocasión, un dos grandes galegos fixo de xornalista: Castelao.
"Namentras acolá en baixo rebulen as xentes con acontecimentos
inventados polos homes, eiquí na montaña as xentes siguen rebolindo
cos acontecimentos da Natureza. Un día de choiva fai falar máis que un
troque de réximen político. No concurso de gaitas de Santiago
presentábase o gaiteiro de Soutelo i este acontecimento extraordinario
preocupou ás xentes coma se fose un acontecimento da Natureza. E
falábase moito e facíanse pronósticos. -Hoxe é o día i o gaiteiro
baixou onte xa. Un feirante dubidou do trunfo, cicáis porque alá nos
seus tempos escoitou a Ventosela... E as xentes descorazoadas prepararon
o esprito para recibila nova dunha inxusticia. -Os premios danse por
empeños e o gaiteiro non os ten. O día rendeu moito e todos tiñamos
un concurso de gaitas nos miolos. ¡Qué regalía dos ollos se
poidésemos destapalas cacholas de toda ista xente!, porque compre non
esquencer que os máis orixinaes decorados críanse na maxinación
inocente do pobo aldeán. -¿E se Avelino se corta? Mirai que tocar alí
non vos é o mesmo que tocar en Soutelo".
En
Santiago era festa, pero había tamén moito rebumbio. Uns días
denantes estivera por alí o dictador Primo de Rivera. O alcalde dimiteu
cando marchou o xeneral; facía pouco tempo que tirara do seu despacho os
retratos de Montero Ríos e García Prieto. Coma arcebispo estaba o
galego Manuel Lago González, poeta él mesmo. O xurado estaba formado
por Xosé Gómez Curros, Ricardo Fernández Carreira, que era o direitor
da Banda Municipal, e Esteban Mariño Caldelas, contador da Liga que
orgaizaba o concurso. O gaiteiro de Soutelo tiña daquela 24 anos, e seu
irmán Castor 17. Algúns dos outros gaiteiros deberon escoitar algún
ensaio de Avelino, porque tres xa non se presentaron. Ficaban seis para
tres galardóns. O xurado, aínda que os de Soutelo pensaran outra
cousa, non era dos que regalaban premios. No concurso de bailes deixaron
desertos os dous primeiros. Pero os de gaita déronos. O primeiro, cómo
non, foi para Avelino, e 150 pesetas. Era a procramación púbrica.
Despois de tocar a Alborada de Veiga e un pasacorredoira. Escritores,
poetas, galegos todos, sentíronse representados naquel gaiteiro que tan
ben facía soar o istrumento que él mesmo defeniría coma escudo de
Breogán, e que Otero Pedrayo resaltaría coma o máis rexo e armoñoso
carballo do bosque antigo.
O cronista Castelao recolle tamén a chegada a Soutelo. "E no
serán do siguente día velahí ven Avelino cos seus irmáns -todos
vestidos ó xeito enxebre- tocando unha muiñeira que lle erguía o rabo
ó mesmo can de San Roque. O pai do gaiteiro, na porta da casa, botou un
foguete. Avelino ganara o primeiro premio. -Beno deciamos: non hai quen
poida co gaiteiro de Soutelo. E as xentes da montaña alentaron con
fachenda. Eu entrei con todos na casa do Gaiteiro e sentín que tamén
me tocaba parte do trunfo porque o arrufio da emoción corríame polas
costas. O pai, a nai e a irmán, denda sorrisa dos seus beizos, dixeron
á unha: -contade. I o irmán pequeno contou: -Eu tamén ganei o
terceiro premio. Deixáronme tocar e toquei. ¡Se vise, meu pai, que ben
me saiu a alborada! -Pois ganaches un traxe, rapaz. Aquela noite
escoitei denda cama coma as mozas cantaban:
Toca,
gaiteiriño, toca,
meniñas,
correi a velo
que
é moita gaita a gaitiña
do
Gaiteiro de Soutelo"
Así remataba Castelao a súa reportaxe que publicou no Galicia de Vigo,
o 10 de agosto de 1924. A lenda estaba lanzada, imparable. Os que ían
escoitando a Avelino ían contribuíndo a ela. Castelao non somentes
fixo de cronista. Xunguindo sentimentos e artistas, pintou a Avelino de
gaiteiro, pero nada menos que coa cara de Rosalía no fol da gaita.
Tres símbolos de Galicia, xunguidos no dibuxo de Castelao, un símbolo
máis.
Manoel García Barros escribe un longo poema titulado "O Gaiteiro
de Soutelo", publicado na revista Vida Gallega, que recolle, igual
que Castelao, a expresión popular do recoñecemento de excepcionalidade
en prol do noso Gaiteiro. Os tempos eran propicios para a arte do
gaiteiro. Gravan en Ourense, no ano 1928, seis discos que inclúen : A muiñeira
de Chantada, a Alborada de Rosalía, a muiñeira de Ponte
Sampaio, o fandango de Pontevedra, a marcha do Corpus de
Pontevedra, Viva Barriño de Arén, Eicho de dar queridiña,
a foliada de Luxán, a foliada rianxeira, as muiñeiras estroupele,
estroupele, Farruquiña, chaman á porta, a de Ourense e un
pasacorredoiras, a Volta da Festa. Quen non poidera escoitar en
vivo ó Gaiteiro xa podía facerse unha idea da súa arte mediante as
novas técnicas. Pero cando podían, querían facelo en direito. Así
que había que levar o son do gaiteiro da lenda ós galegos que tiveran
que emigrar. Arxentina era o primeiro destino. A presentación foi no
Teatro Avenida de Bos Aires o 28 de febreiro de 1930. Os decorados eran
de Castelao e de Camilo Díaz Baliño. E os gaiteiros actuaron durante
un mes máis. Tal era o seu éxito. Ó pouco tempo mandaron para a casa
20.000 pesetas. Coma preámbulo da súa visita, Avelino mandou "O
noso saúdo", que evidencia a súa vena poética, adicada a nobres
sentimentos: a fala e a terra.
Airiños,
airiños, aires
quitadoiriños
de penas,
os
airiños de Bos Aires
irmáns
dos da miña terra.
Si
foran pedras os soños
dos
que atravesan o mar,
o
camiño da Galicia
sería
ben bó de andar.
Arxentino
que me escoitas,
o
mellor d-esta canción
é
que está feita na fala
en
que falaba Colón.
Da
miña terra che traio
as
rosas de máis feitizo:
os
pensamentos das nais
que
aquí teñen os seos fillos.
Si
hei morrer en terra allea
quero
morrer na Arxentina
en
onde sempre hai quen fale
na
fala da terra miña.
O
gaiteiro de Soutelo
no
ronco da gaita leva
o
berro de ¡Terra a nosa!
¡y-arde
o eixo, carballeira!
Ademais de Bos Aires, Rosario, Córdoba e Montevideo ratificaron a lenda
dos Gaiteiros de Soutelo, en especial do seu líder, Avelino, o gaiteiro
por excelencia.
De volta a España, Bautista morreu no ano 1933. A loita civil
sorprendeunos en Barcelona, mentres tocaban. A Cultural Obrera de Madrid
trasladounos á capital para que levantaran os espritos das xentes en
loita.
Camiño de Berlín, onde ían tocar nos Xogos Olímpicos, deciden voltar
á terra, con dificultades, dende Bordeaux, por Lisboa, ata que chegaron
á fronteira de Tui o primeiro de decembro. Aí acabou, sen dúbida, a
historia real dos Gaiteiros. Castor, emigrado a Venezuela, seguiu
formando gaiteiros, pero Avelino, o millor gaiteiro de Galicia, ficou
mudo para sempre.
Ata o 13 de abril do 1972, en que morreu o seu corpo, seguiu facendo
Galicia, pero xa sin o soar da gaita. Eso formaba parte da lenda, e hoxe
pódese comprender que así xurdira ó oír as reproduccións da súa
música. O feito é que xa non voltou a tocar a gaita. O seu silencio,
polo que teño deducido, estivo causado pola mesma loita e as
circunstancias posteriores, pero tamén pola morte, ó nacer, do único
fillo que tivo coa súa muller, Xosefa Cortizo Nogueira, e sobor de
todo, a súa musa e compañeira, que dende o ano 46 penou unha artritis
reumatoide.
Dende entón o Gaiteiro percorreu outra vegada Galicia, pero non para
descubrir sons case esquecidos, senón para mirar tamén dentro do seu
corazón e percibir os ecos dunha nova voz, máis fonda: a convicción
da ialma inmorrente, que lle permite soñar ou agardar o intre no que
poida voltar a reunirse co seu filliño e a súa muller.
Meu filliño, subiches pro ceo
sin
darlle un biquiño a túa nai.
Agora
arrecadeas a naiciña,
e
na busca de ti ahí che vai...
Apértaa
e dalle o biquiño
e
colle a túa nai pola man.
Cando
me vexades chegar
aceneádeme
coa man.
Pedide
o noso Señor
que
eu vos poida atopar
alí
no meio da groria
¡podernos
os tres atopar!
Un cuarto de século dende que a familia do Gaiteiro me permiteu ver
este e outros poemas inéditos, que reproducín na súa biografía, e
sígueme parecendo un poema dos máis sinxelos, e fondamente humáns,
dos que teño coñecemento.
Froito desta conceición da vida xurde un pequeno libro de poemas, Voando
cas aas da vida, que publica él mesmo, co prólogo de Ramón Otero
Pedrayo, e que inclúe na portada un mural cun fermoso debuxo de Lugrís.
Teño dito que os seus poemas non son académicos, pero neles latexa
fondamente o ser galego, esas vivencias coleitivas que caraiterizan un
pobo.
Carlos Núñez, o seu herdeiro, procramou púbricamente o seu respeto e
recoñecemento cara ó artista, ó Gaiteiro de Soutelo. Na presentación
en Santiago do seu disco Os Amores Libres interpretou a muiñeira de
Chantada, "en homaxe ó máis grande de todos nós", diante dun silencio
moi respetuoso, coma se realmente fora a resurrección da arte do
Gaiteiro. Porque el deixou dito:
Eu, máis alá do morrere
rexurdirei
tocando a gaitiña
¡na
longa gaiola do vento
co
froleo da ialma miña!
Nós, que somos da súa bisbarra, o que lle queremos agradecer, ademais
da súa arte, é que fora polo mundo levando o nome de Soutelo. Moitos
tivemos a fortuna de coñecer a Avelino Cachafeiro Bugallo, o que nos
permite saber que viveu de verdade unha lenda. Porque él quixo ser, por
enriba de todo, o Gaiteiro de Soutelo.
* Xosé Manuel Rivas Troitiño:
O Gaiteiro de Soutelo (Unha expresión da cultura popular). 1977. Imp.
El Ideal Gallego. Reeditado en edición facsímile polo Concello de
Forcarei no ano 1999, co gallo do Centenario de Avelino.
|
|