|

Os
pais de Virxilio, Xosé Blanco e Manuela Garrido

Cuadro
no que o pintor retrata á súa familia (1927)

O
pintor no ano 1923

Lembranza
do pintor, recollida polo cronista Rodríguez Fraiz

"Catedral
de Santiago desde a Alameda", óleo propiedade de don Franciso
Fernández del Riego

Portada
do libro sobre Virxilio editado pola Deputación de Pontevedra.

Virxilio
Blanco, noutra fotografía de xuventude

José
Raposeiras, autor da biografía do pintor e presqueirense coma él

Libro
de José Raposeiras sobre a vida e obra de Virxilio

"Bidueiros",
óleo de 1931, hoxe no Museo de Pontevedra
|
|
Virxilio Blanco
Colaboración
de José RAposeiras
para
a revista cotaredo
O
COMPROMISO ÉTICO E ESTÉTICO NA OBRA DO
PINTOR DE PRESQUEIRAS: VIRXILIO
BLANCO GARRIDO
Se Virxilio foi
pintor por obra e gracia do seu tempo, foi pintor galego por virtude de
raíz, sensibilidade e bo gusto. Na Terra de Montes andou a procurar o
artista os materiais mellores que imprimiron carácter á súa obra pictórica.
Aínda que pasou moitos anos na emigración, reintegrouse a Galicia para
consagrarlle os seus mellores esforzos. Deu a coñece-la nosa terra en tódalas
paraxes ás que ía, onde traballaba ou participaba, pincelando retratos
de veciños e de familiares, aspectos sociais e folclóricos, paisaxes
ou incluso a casa onde naceu (“A casa de Garrido”), da Exposición
Salón de Otoño 1924, cadro que aparece na enciclopedia “Cien años
de pintura en España y Portugal, 1830-1930”, da Real Academia de San
Fernando.
O artista observaba a realidade e logo permitíalle á súa
fantasía traballar con ela. Respondía ó seu entorno facendo da propia
imaxinación algo visible, lexible, tanxible ou compartible,
representando a vida e identificándose coa mesma.
PINCELADAS
BIOGRÁFICAS
No seo dunha familia campesina na que se contan artistas da pedra,
mestres e cregos, nace unha persoa que se convertiría –no decorrer do
tempo– nun dos máis sobranceiros pintores galegos da primeira metade
do século XX: Virxilio Blanco Garrido. Esto sucedía un 27 de novembro
do ano 1896, cando “viu a luz” por vez primeira na parroquia de San
Miguel de Presqueiras –lugar de Guisande–, do concello pontevedrés
de Forcarei. Virxilio era o quinto de cinco fillos (dous homes e tres
mulleres) do matrimonio formado por Xosé Blanco Arén e Manuela Garrido
Roubín. Tal e como nos comentan os que o coñeceron, era un rapaz miudiño
e de ollos azuis.
Este home humilde que, saíndo cáseque da nada chegou a situa-lo
seu nome entre os dos máis grandes representantes da plástica galega,
estivo sempre comprometido con Galicia, á que sempre considerou na súa
obra. Á marxe da súa recoñecida categoría como pintor, constitúe
ante todo un exemplo das ansias de superación e de tenacidade. En todo
caso sempre existiu nel unha certa inadaptación socio-cultural e
familiar, o que repercutiría bastante na súa personalidade:
introvertido, tímido e reservado.
Dun xeito cronolóxico, citámo-los seguintes acontecementos
significativos ó longo da súa vida:
-
A emigración: Este feito ía sé-lo que marcaría o seu
futuro. Ós 16 anos e por obriga, tivo que “colle-las maletas” para
poder “gaña-lo pan”. Como a meirande parte dos homes da Terra de
Montes, naqueles intres, parte primeiro para Bos Aires, onde traballou
de listeiro e logo para Cuba –no ano 1912– coa pretensión de poder
chegar ó norte (E.E.U.U.). Esto último non o conseguiu e tivo que
quedarse en Cuba. Nesta illa antillana, de primeiras, traballou de
camareiro no poboado de Victoria das Tunas (provincia de Oriente). Catro
anos máis tarde aséntase en La Habana, desexoso de adquirir cultura e
perfecciona-las súas aptitudes para triunfar na vida. Ó meu modo de
ver, neste caso, da emigración xorde a oportunidade de que este home se
pudiera dedicar a algo que levaba dentro: unha verdadeira vocación
pola pintura. As súas cualidades innatas puidéronse facer
realidade e, a partir da emigración soubo aproveita-las oportunidades
que se lle presentaron.
-
A Academia de Arte: En La Habana comeza a traballar, nunha
tenda de confección para homes, primeiro como dependente e logo de
xastre e deseñador, gracias ás súas boas condicións como debuxante.
No ano 1918 xa compaxinaba traballo e estudio, ó ser premiado –polo
seu bo comportamento laboral– para asistir á escola e á Academia de
Arte de La Habana.
-
O Centro Galego de La Habana: Este centro pasa a sé-lo
grande referente durante a década dos anos vinte. Aquí presenta a súa
primeira exposición (1923), coincide co pintor Laxeiro, concédenlle
unha pensión para estudiar tres anos na Real Academia de Belas Artes de
San Fernando en Madrid (1924-1927). Fai unha segunda exposición no
citado Centro Galego de La Habana e de novo, este centro, outórgalle
outra bolsa. Así, viaxa a París –onde coñece a Miró e a Picasso–
a partir do ano 1927.
-
As Bolsas da Deputación Provincial de Pontevedra: No ano
1930 obtén a primeira Pensión, que lle permite volver a París. (Sesión
do 29-12-1930: subvencións de 2.250 pts. de xaneiro a setembro de 1931,
a catro pintores, entre eles Virxilio, tal e como consta no Libro de
Actas da Comisión Permanente de 1930).
En 1931, ó non renovarlle a Pensión da Deputación, abandona
París. Dado que sempre estivo moi ligado á cultura galega en tódalas
súas facetas, funda en Forcarei –xunto con Caldera Manzano
(Director/Administrador)– unha revista de carácter municipal:
“Revista Alborear”, da que sería Redactor Artístico, caracterizándose
polo seu talante católico-galeguista, acorde co espírito
liberal-conservador do pintor. Segundo Rodríguez Fraiz, propúñanse
como obxectivos da citada revista –entre outros– o combate-la
politiquería, o caciquismo, o favoritismo e outras lacras dese estilo
que empobrecían e envelenaban a vida das pequenas vilas daquel entón.
Asemade participaba nos faladoiros artísticos e intelectuais dos cafés
Moderno, Méndez Núñez e Savoy de Pontevedra e do Derby de Vigo.
Castelao animábao para que fixera exposicións e para que se movera nos
círculos intelectuais de Galicia, servíndolle de guía en moitas ocasións.
Xa no ano 1932, recupera a Bolsa da Deputación de Pontevedra e trasládase
a Madrid, segundo aparece no Libro de Actas da Comisión Xestora de
1932.
-
A Guerra Civil Española: Tamén significou para el un parón
na súa actividade. Apréciase claramente un antes e un despois na súa
vida. Os tempos correrían outra sorte a partir do ano 1936. Seguiu
dedicándose á pintura, pero vivir dela era practicamente imposible. Soñaba
con volver a París e desexaba que acabaran esas malditas guerras (como
el lles chamaba), referíndose tamén á Segunda Guerra Mundial.
-
A década dos 40: Caracterízase polos difíciles anos da
posguerra, problemas económicos, illamentos, inadaptación e preocupación
pola súa enfermidade. Asiste ás conversas con Torres, Maside, Laxeiro,
Pesqueira, Ramón Peña... Xa delicado de saúde, ficou para sempre en
Galicia. Nesta época, a Terra de Montes e os seus eidos de Presqueiras
foron os benqueridos. Aquí, máis sosegado –cando a súa enfermidade
o deixaba– foi estudiando as tonalidades da paisaxe galega, acadando a
súa obra unha madurez extraordinaria con matices e tons necesarios e
moi persoais, ademais dun profundo sentido da cor. Residiría
fundamentalmente no rueiro de Guisande, sen deixar de viaxar e de pasar
longas estadías en Pontevedra, Vigo, Santiago, Madrid e na Terra de
Montes –sempre que podía–, pois daquela vivir da pintura asemellaba
toda unha utopía. De tódalas maneiras, foi unha mágoa que a súa vida
fora tan curta, xa que –por mor do bacilo de Koch– finou ós 51 anos
no mesmo lugar do seu nacemento, o 24 de xuño de 1948. O seu corazón
deixa de latexar no mellor da súa vida artística e na plenitude do seu
quefacer creativo, de aí que a súa obra non fose moi abondosa. De tódolos
xeitos –aínda hoxe– existen cadros que non están catalogados, como
“O Rebullón” da pintora viguesa Mª Isabel Pérez Sánchez “Baley”,
“Pepe de Garrido” (o pai do pintor, propiedade duns veciños do
Carballiño) ou “O retrato de Isabel” (obra que quedou incompleta e
que con toda seguridade fose a última que estaba pintando, propiedade
dunha veciña de Pontevedra, natural de Cerdedo). Esperamos tamén a
recuperación doutros cadros, desaparecidos ou non localizados aínda
nos E.E.U.U. e en Cuba. Dende o falecemento de Virxilio fixéronlle –a
título póstumo– as seguintes mostras de admiración:
o
Exposicións (con compra e venda de cadros), no
Casino Mercantil de Pontevedra e na Sala Velázquez instalada no
edificio do Teatro Cine Fraga de Vigo, ámbalas dúas nos anos 50.
o
Homenaxe no vixésimo séptimo cabodano do seu
pasamento en San Miguel de Presqueiras. No serán do 21 de xuño de 1975
e nun emotivo acto, dedicáronlle a “lauda” actual (de pedra de
gran) un grupo de artistas, poetas, xornalistas, mestres, admiradores e
amigos de Pontevedra, de Vigo, de Santiago, da Terra de Montes e doutras
vilas de Galicia.
o
Bienal de Arte 1994 da Deputación Provincial de
Pontevedra. En palabras do Director do Museo Provincial –Carlos
Velo– a exposición de Virxilio Blanco, integrada na citada Bienal de
Arte, considérase como a máis importante das que se lle fixeron ata o
de agora. Confeccionouse un inventario de 80 obras, reunindo para a
mencionada exposición 55 cadros. Os organizadores da Bienal comentaron
que esta mostra antolóxica dedicada ó pintor, no verán de 1994 en
Pontevedra (edificio Sarmiento do Museo Provincial), constituíu a gran
homenaxe que lle debía a súa terra, recuperando a meirande parte da súa
obra (moi diseminada en fondos museísticos e coleccións particulares)
para a historia da arte galega do século XX.
o
Conmemoración do primeiro centenario do seu nacemento
(27 de novembro: 1896-1996): O domingo día 1 de decembro de 1996:
colocación de placas conmemorativas na casa onde naceu e na Casa da
Escola de Guisande, misa na igrexa parroquial e ofrenda floral na súa
sepultura, remantando os actos cunha glosa á figura do pintor.
Participaron nesta lembranza, ademais da corporación forcaricense, os
veciños e veciñas de Presqueiras, familiares, os gaiteiros de Soutelo,
amigos e simpatizantes da Terra de Montes, artistas... Estes actos ían
se-lo preludio doutros máis que xa se levaron a cabo, tal é o caso da
dedicación do nome de Pintor Virxilio Blanco a unha rúa na cidade de
Vigo.
o
Lembranza-homenaxe da Asociación “Amigos da Terra de
Montes”: O sábado 9 de agosto de 1997. Trala conferencia sobor da
emigración pronunciada polo Presidente do Museo do Pobo Galego, don Antón
Fraguas, no Concello de Beariz (Ourense), ademais doutros feitos que
tiveron lugar ó longo da xornada, os “Amigos da Terra de Montes”
que compartiron a súa xuntanza anual, trasladáronse –finalizando así
co programa de actos do citado día– a carón do sartego de Virxilio
Blanco. Alí, e como un recoñecemento máis da Asociación ó artista,
descubríronlle unha placa de bronce na súa honra. Continuábase así
coa celebración do primeiro centenario do seu nacemento, dirixíndolle
tamén unha verbas de homenaxe.
Virxilio:
Mestre da arte / Mestre da vida
“Un pintor es grande no en sus dedos, sino en su corazón y
su alma” T.
Vrettos.
Este home que aparece citado por primeira vez nunha Historia da
Arte Galega, a de Estévez Ortega (páxina 11) no ano 1930, pertence á
Xeración de pintores nacidos sobre o 1885, os que estarían de cheo no
mundo vivencial da Xeración Nós. Un grupo de pintores no que aparecen
Maside, Souto, Laxeiro, Colmeiro, Fernández Mazas, Torres, etc., destacándose
polo seu compromiso ético e estético co galaico ademais do galeguismo.
Todos eles apareceron cun auténtico afán renovador, dando mostras
dunha verdadeira conciencia da súa responsabilidade.
O interese de Virxilio Blanco –autodidacta na arte e na vida–
pola arte e pola cultura galegas plasmouse á perfección nas numerosas
iniciativas que emprendeu ou auspiciou en relación coa desbordante
riqueza que nese ámbito tiña a súa Galicia natal. Buscou sempre o
enraizamento na súa terra pero con apertura á arte vangardista
europea. Foi un home preocupado por integrarse plenamente a Galicia e á
arte galega na modernidade. Dificilmente se poida discutir a súa
exemplar dedicación a esa nobre tarefa –tal e como hoxe nos consta–
tendo en conta ademais que, con toda seguridade, tivera que loitar
contra bastantes presións e incomprensións.
Ó analizar detidamente o traballo artístico de Virxilio Blanco,
podemos concluír dicindo que é un dos principais anovadores da pintura
galega aínda que –debido á súa prematura morte e ó disperso e
pouco accesible da súa obra– pasou demasiado tempo case desapercibido
ou mal interpretado pola nosa crítica de arte. Non hai dúbida do carácter
íntimo así como do impulso renovador influenciado no fauvismo francés.
Pouco a pouco foise afastando da orientación folclorista da súa
formación, coas imprescindibles referencias ó pasado pero dándolle
sempre un carácter persoal á súa pintura (López Vázquez, 1998). A súa
obra ten unha intensidade moi comunicativa na expresión dos sentimentos:
alegrías, tristezas, estados de ánimo, galeguismo...
René Monclair, crítico francés, opinaba ó respecto que
“su obra va presidida por una firme valentía en su interpretación
de la vida, dándole a ésta un fondo humano de gran realismo”.
Tal
e como se comenta na “Historia del Arte Gallego” de Vázquez Varela
e outros (1982): “Sus paisajes hechos con pincelada pastosa y pequeña
y un pálido cromatismo, poseen un halo poético que transfigura la
naturaleza gallega en la que se inspira.. Este es el caso de los cuadros
titulados: Paisaje de alta montaña, Paisaje de Santiago, Barco, etc,
evolucionando hacia colores máis intensos y ornamentales como en Jardín
de Luxemburgo, en los que su factura impresionista tiende a un colorido
máis intenso, siendo difícil de delimitar lo que tienen de modernismo
o de fauvismo”.
Aquí, en Presqueiras, unha das persoas que o tratou
personalmente foi, entre outras, o finado do meu tío José María Rivas
Blanco. Contaba éste a anécdota dunha Noiteboa do ano 1928. Virxilio
tiña pintada na parede o lema “Todo pasa” e ó preguntarlle que
quería dicir con iso, respostoulle que nunca pasara unha Noiteboa só;
era a primeira e algunha vez tiña que acontecer. Por iso o puxo na
parede, xa que se divertía pintando e relacionando a pintura cos seus
sentimentos.
Don Francisco Fernández del Riego, contando tan só con 22 anos,
pronunciou unha conferencia sobre os pintores da época, entre eles
Virxilio Blanco, que foi cando o coñeceu persoalmente. A conferencia
está publicada na Revista Nós (marzo de 1935). No mes de novembro de
1996 tiven a oportunidade de conversar con este ilustre membro da Xeración
Galaxia. Daquela comentábame que Virxilio era un home dunha calidade
humana extraordinaria, amigo verdadeiro dos amigos, persoa introvertida,
un gran galeguista de emoción e de conducta. Ó igual ca Laxeiro, era
un rebelde fronte á liña academicista: o seu xeito de facer arte era
instintivo, obedecía a determinadas posturas persoais. No nivel artístico
considérao como un gran interpretador da paisaxe, con matices e tons
necesarios e moi persoais; un profundo sentido da cor. Segundo el, non
ve dentro da pintura galega un home de características semellantes.
O promotor da creación das Irmandades da Fala, Antón Villar
Ponte, nunha primeira páxina do desaparecido periódico vigués “El
Pueblo Gallego”, un 27 de novembro do ano 1935 (xusto o día do 39º
cumpreanos de Virxilio) e con motivo dunha exposición do pintor da
Terra de Montes na Coruña, dicíanos entre outras cousas que: “A
los que tanto amor sentimos por Galicia y tanto interés tenemos por
destacar sus valores personales y colectivos de todo orden, la Exposición
de Virgilio Blanco nos produjo verdadera alegría, ya que como buen
artista gallego –de alma y de temperamento– pinta personas y cosas
de cualquier país”.
En relación ó xornalista e poeta Roberto Blanco Torres, a quen
se dedicou o Días das Letras Galegas en 1999, cabe subliñar aquí a
tarefa galeguizadora dun grupo de homes que coincidiron nos mesmos anos
e na mesma emigración e que proseguiron en La Habana a traxectoria
marcada por Curros Enríquez. Estamos a falar, tal e como tanto se
escribiu, dos homes que participaban nas tertulias do serán no cabe
habaneiro “La Puerta del Sol” –confrades do cenáculo coñecido
como a “Cova Céltiga”–, artistas e intelectuais galegos do
momento: Ramón Cabanillas, Villar Ponte, os músicos “Chané” e
Ricardo Fortes, os poetas e xornalistas Ángel Lázaro Machado, Julio
Sigüenza, Waldo Álvarez Insua, Roberto Blanco Torres, e o propio
pintor Virxilio Blanco Garrido, quen se incorporaba así á
intelectualidade emigrante.
Despois de varias conversas feitas con moitos dos seus amigos que
o coñeceron, destas terras ou doutras onde el se relacionaba, podemos
afirmar que Virxilio era un home dunha calidade humana extraordinaria,
amigo verdadeiro dos amigos, persoa introvertida, galeguista de emoción
e de conducta. Un grande artista de corazón. Tal vez esquecido por algúns...
A modo de remate quero facer alusión a un escrito do seu compañeiro
Laxeiro, publicado na Revista Galicia Emigrante de maio do ano 1957.
Este escrito (do que conservo copia facilitada polo propio Laxeiro nunha
entrevista mantida con el o 7 de xuño de 1995, en Vigo), titúlase Los
amigos se van y los recuerdos quedan: “Virgilio Blanco, te fuiste pero
tu recuerdo no desapareció en mi. Te sigo viendo en mi imaginación.
Alguna vez te veo en la clase de dibujo en el Centro Gallego de La
Habana... Yo era un chico de 16 años. Con que alegría fuimos todos los
alumnos de dibujo y pintura del plantel de enseñanza Concepción Arenal
del Centro Gallego a despedirte al muelle de La Luz. El Centro te había
concedido una beca para que te perfeccionaras en Europa... Tú eras el
mejor alumno de la clase. Todos te teníamos un gran respeto y admiración.
Trabajabas de día en la tienda El Encanto y de noche ibas a clases de
dibujo y pintura...”.
|
|