|
Preme
nas fotografías para agrandalas

Autorretrato
de Virxilio no ano 1964

Esta
é, posiblemente, a fotografía máis coñecida e divulgada de Virxilio
Viéitez.

Fotografía
con "Haiga"

Fermosa
composición campesiña, que lembra ó "Angelus" de Millet

Loito
familiar

Traballando
a terra

A
matanza

Álbum
de Virxilio Viéitez, publicado polo Centro de Estudos Fotográficos en
1998

Libro
publicado polo Grupo de Investigacións Fotográficas da Universidade de
Vigo no ano 2000
|
|
Virxilio Vieitez
(datos
elaborados a partir de datos obtidos por Manuel Sendón e X.L. Suárez Canal)
De Virxilio Viéitez dinos Manuel Sendón, un dos seus descubridores a
raíz da inaugural exposición organizada pola súa filla Keta,
que unha das principais características é a escenificación dos seus
retratos, nunca casual senón notablemente escollida. De certo, estamos
ante un retratista que elixe o seu marco, o que mellor ha sentar á
imaxe do seu retratado, introducindo elementos naturais que provocan
sempre certo impacto no resultado final.
Virxilio Viéitez naceu en Soutelo de Montes no ano 1930. Traballou,
antes de se dedicar ó mundo da fotografía profesional, nas obras do
aeroporto de Santiago de Compostela, con 16 anos de idade, e despois na
zona do Pirineo aragonés, con 18, onde traballa nos teleféricos. Aí
toma o seu primeiro contacto co mundo da fotografía, mercando unha
Kodak de formato 6 x 9. No ano 1949 volve de vacacións a Soutelo. Con
posterioridade trasládase a Palamós e comeza a traballar como
empregado do fotógrafo Pallí, co que aprende o manexo da cámara e o
traballo do laboratorio. Chega a facer algúns traballos dirixidos á
publicación "La Vanguardia". Aproveita tamén o boom
turístico da Costa Brava para facer retratos ós turistas que querían
levar unha lembranza de España.
No ano 55 ten que volver a Galicia por se atopar súa nai enferma, e uns
meses despois, ó morrer esta, ten que ir facer o servicio militar á
Coruña, estando xa casado.
No 57 reemprende o traballo fotográfico en Soutelo, cambia a cámara
Retina por unha Rollei e despois incorpora unha Voigtlander. Comeza a
traballar arreo por toda a comarca de Montes (Beariz, Pedre, Avión,
Millerada, San Marcos, Sanguñedo, A Barcia, etc). Tamén exerce de
corresponsal de El Pueblo Gallego e da emisora Voz
de Vigo.
Dentro da súa actividade ocupan lugar importante os retratos para o
carné de identidade e os casamentos. En 1967 mercou un seat 1500, o
"coche das noivas, que non podían ir nun 600". Na década dos
70 introdúcese a cor nos seus traballos, aínda que el prefire ó
branco e negro, que lle permite encadrar e traballar posteriormente a
fotografía.
Nos 80 abandona toda actividade fotográfica e cede o relevo á súa
filla Keta. Esta é a responsable, no ano 1997, do descubrimento do
labor de seu pai, tras organizar unha exposición en Soutelo que amosa
un centenar de fotografías de Virxilio, e que será vista por Manuel
Sendón e Suárez Canal, os que tratan por tódolos medios de que a obra
do soutelán sexa coñecida non só en Galicia, senón en todo o mundo.
A obra de Virxilio está composta sobre todo por imaxes realizadas no
exterior (hortas, rúas e estradas, prazas, o campo). Esto daba lugar a
resultados insólitos pero harmoniosos na composición. Nas fotografías
de estradas, reforzábase considerablemente a presencia do suxeito
retratado, situado no centro da imaxe, outorgándolle un maior impacto
visual provocado pola sensación de espacio baleiro que xeraba.
Coida sempre con atención os fondos e os diferentes elementos que
introduce, así como a posición do suxeito e a relación entre eles se
son varios. Non resulta estraña a inclusión de animais domésticos
coma a cabra, o gato ou o can, pero o que si resulta sorprendente é o
xeito en que o fai, mesturándoos cos retratados vestidos de festa.
Noutras ocasións o papel dos animais é suplido por outros elementos,
sendo frecuente que fixese posar ás mulleres, nos retratos individuais,
con algún obxecto nas mans, xa for un ramo de flores, un costureiro ou
unha carteira. A importancia que para Virxilio tiña a escenificación,
que controlaba con grande sensibilidade, non daba lugar a imaxes
sofisticadas, gratuítas ou recargadas. A súa forza estaba na súa
sinxeleza, a pesar do inusitadas que resultasen algunhas delas.
Cómpre reparar tamén no gran número de fotografías que constrúe
introducindo como fondo os monumentais Chevrolets, Pontiacs, Fords
ou Cadillacs que os emigrantes traían das Américas, como
novidade e luxo que resultaba atractivo incluír nas fotografías.
Tamén incluía autobuses coma o Numancia ou La Montañesa,
e mesmo a súa propia motocicleta, que aparece en gran número de
instantáneas. A través delas mesmo se pode ir comprobando o cambio da
sociedade, no feito do propio cambio dos coches americanos polos
europeos, e máis tarde a irrupción dos mil cincocentos e dos
seiscentos españois.
Se a escenificación é importante, non o é menos a gran capacidade de
Virxilio para captar a expresión das xentes que fotografa, obtendo
imaxes dunha extraordinaria vida. Atopamos expresións de tristeza -as
condicións de vida naqueles tempos non eran para menos, non deixa de
ser a mesma sociedade que Chano Piñeiro retrata en "Sempre Xonxa"-,
de desconfianza, e nalgún caso de satisfacción, pero todas elas
acompañadas dunha seriedade que, unida á coidadosa elección da
vestimenta, mostra o respecto que tiñan naquel momento polo acto de se
retrataren, un acto absolutamente excepcional e trascendente, tendo un
significado moi diferente ó de hoxe, como Virxilio di: "agora é
distinto porque en cada casa hai unha máquina".
O gran dominio que tiña do retrato permitíalle acadar as imaxes que
obtiña tirando normalmente un só negativo por retrato, sendo raros os
casos en que tira dous fotogramas. O control que el exercía sobre os
suxeitos e a capacidade para prever os resultados era total, "o
cliente non tiña voz, o único que lle interesaba era saír guapo e non
se preocupaba para nada do fondo da imaxe, eles mesmos preguntaban onde
se tiñan que pór. Non era como agora, quen mandaba era o fotógrafo,
era como un notario". Efectivamente, Virxilio é un dos mellores
notarios do mundo da emigración e das súas tráxicas consecuencias
para a desmembración das familias e do desleixamento dun mundo que xa
non podemos ollar se non é nas súas fermosas e testemuñais
fotografías.
Virxilio foi recoñecido xa á altura de fotógrafos como Ksado ou
Manuel Ferrol, porque entre outras cousas, e como ben resalta Manuel
Sendón, a pesar do gran número de cámaras que hoxe en día existen e
malia o gran número de fotografías que hai en todas as casas, moito
tememos que ningunha comarca quedará neste momento tan claramente
reflectida nas súas coordenadas de espacio e lugar como o foi a Terra
de Montes neste período por Virxilio Viéitez.
|
|