|

Imaxe
de Xosé Luis como profesor de Ciencia Política da Universidade de
Compostela

Portada
do libro "Barreiro contra Barreiro", do xornalista Xosé de
Cora

Xosé
Luis, na súa xuventude, tocando a guitarra na sala de estar da casa de
seus pais.
|
|
Xosé Luís Barreiro
| |
(humanista, xornalista e politólogo) |
|
Xosé Luis Barreiro Rivas naceu en Forcarei o día 5 de xuño de 1949.
Estudiou Filosofía e Letras na Universidade Pontificia de Comillas e
Ciencias Políticas e Socioloxía na Universidade Complutense de Madrid.
Desempeñou unha intensa carreira política entre os anos 1977 e 1989, que
o levou a desempeñar os cargos de Vicepresidente baixo as Presidencias de
Fernández Albor (1983-1988) e de González Laxe (1987-1988). Foi deputado
no Parlamento de Galicia nas dúas primeiras lexislaturas (1981-1989),
onde desempeñou o cargo de voceiro do Grupo Popular, e representou a
Galicia na Asemblea de Poderes Rexionais e Locais do Parlamento
Europeo.
Comezou a súa andaina política no grupo de Alianza Popular da provincia
de Pontevedra, ocupando a Secretaría Xeral dese partido e logo do Partido
Popular entre os anos 1984 e 1986 e a Secretaría Xeral de Coalición
Galega entre 1988 e 1989. Como Secretario Xeral de AP de Galicia foi
o primeiro asinante do pacto de coalición (eleccións autonómicas de
1985) que, estendido con posterioridade a todo o ámbito estatal, deu
orixe ó Partido Popular.
Da súa xestión no goberno galego cómpre salientar a creación da Radio
e da Televisión de Galicia (1985), a organización da administración
autonómica e a instalación dos Servicios Centrais da Xunta en San
Caetano. Xogou tamén un papel trascendental na redacción da Lei de
Política Lingüística. A súa carreira ten un fito fundamental nas
"Conversas do Hostal", ás que acudiu en representación do seu
partido, logo de ter impulsado de forma decisiva a proposta negociadora
que xurdira da "Declaración de Cambados". Decidido teórico e
impulsor da corrente galeguista que animou a política de AP nos primeiros
anos da nosa autonomía, foise afastando progresivamente das posicións de
Fernández Albor, feito que o levou a dimitir do goberno que presidía
aquel (30-10-1986) e a un progresivo abandono dos seus cargos no Partido
Popular, formación na que causou baixa en xuño de 1987.
En setembro do mesmo ano avalou a moción de censura presentada polo PSOE
e apoiada polo Partido Nacionalista Galego e por Coalición Galega,
partido no que militaba desde o verán. Triunfou a moción e foi nomeado
por segunda vez Vicepresidente, nesta ocasión da Xunta tripartita
presidida polo socialista González Laxe.
Tras se afastar da política definitivamente, exerceu labores de
xornalista, de analista político e posteriormente de profesor de Ciencia
Política na Universidade de Santiago de Compostela. É autor das obras
"Ciencia Política e Ética do Poder" (1991), "Parlamento
en el Desierto" (1993), "La Función Política de los Caminos de
Peregrinación en la Europa Medieval" (1997), "El Análisis
Político en la Prensa Diaria" (1998), "The Construction os
Political Space: Symbolical and Cosmological Elements: Jerusalem and
Santiago in Western History" (1999).
Segue a exercer como articulista e analista político de La Voz de Galicia
e do Grupo Voz e desempeña o cargo de Vicedecano do Ilustre Colexio
Galego de Doutores e Licenciados en Ciencias Políticas e Socioloxía. É
membro da Asociación Española de Ciencia Política e foi Presidente da
Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia entre
1987 e 1988.
No ámbito local, desempeña desde os anos 90 o cargo de Presidente da "Asociación de
Amigos do Mosteiro de Santa María a Real de Aciveiro e Terra de
Montes", e seu é o principal mérito, xunto co anterior presidente
don Francisco Filgueiras Gulías, da rehabilitación integral do cenobio
que tanta pegada deixou ó longo da historia na nosa comarca.
O día 22 de agosto de 1986 foi nomeado Fillo Predilecto de Forcarei polo
pleno da corporación municipal.
|
|